Pontón pide a comparecencia de Rueda no Parlamento para explicar a xestión da vertedura de plásticos na costa

María Lago, Luís Pérez, Ana Pontón, Rosana Pérez e Soledad Agra, este sábado en Muros. (Foto: Nós Diario)

A Xunta activou o plan de continxencias “nun nivel que non implica a mobilización de máis medios”

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, pediu a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento galego para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explique a xestión da vertedura de plásticos na costa galega e "por que se ocultou información e non se están poñendo medios".

Ante unha situación que cualificou de "traxedia ambiental", a líder nacionalista visitou este sábado o municipio de Muros (na comarca homónima) para coñecer de primeira man o estado das praias, acompañada da alcaldesa da localidade, María Lago, e do alcalde de Ribeira (O Barbanza), Luís Pérez, outro dos municipios afectados e sobre os que, advertiu, "están sós, man a man coa veciñanza" ante a "inacción tanto da Xunta como do Goberno estatal".

Neste sentido, considerou "gravísimo" que o Goberno galego "ocultara a vertedura de pellets" e agora "actúa tarde e mal" activando o plan de continxencias "nun nivel que non implica a mobilización de máis medios".

"É unha irresponsabilidade porque estamos ante unha traxedia ambiental que ten consecuencias negativas para o noso litoral e para o sector do mar", incidiu, para reclamar a continuación á Xunta que "se poña á fronte deste problema" e poña os medios necesarios para solucionalo.

Así, sinalou a Alfonso Rueda como máximo responsábel da "incompetencia" coa que, na súa opinión, está a xestionar a Administración galega este desastre ambiental. Para Pontón, Rueda "está en campaña electoral, pero non se ocupa dos problemas que ten" o litoral galego.

A candidata do Bloque á presidencia da Xunta afirmou que o que ocorre estes días "lembra demasiado" á xestión doutras catástrofes ambientais como a do Prestige. "Vemos outra vez como son a veciñanza e os Concellos os que se están enfrontando a este problema sos, sen que nin o Goberno galego nin o estatal actúen á altura da necesidade deste momento", censurou.

Recursos e coordinación

Nun contexto que definiu de "opacidade na información" e ante a "falta de medios", Pontón pediu "recursos e coordinación", advertindo aos Gobernos que están a repetir "os erros que se cometeron noutras traxedias desde o punto de vista ambiental".

"O máis urxente é que se activen todos os recursos necesarios para poder limpar as praias e coñecer o alcance da vertedura para que haxa solucións", insistiu Ana Pontón, que apelou tamén á coordinación con Portugal para poder monitorizar, controlar e eliminar a vertedura na súa totalidade.