Pontón insta a ser "realista" coa inmunidade de grupo e acusa á Xunta de dar "falsas esperanzas" á poboación

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG aludiu a unhas declaracións do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que amosaba o seu "optimismo" ao asegurar que ao longo do estío o 70% da poboación galega estará vacinada. O PPdeG defende a súa "dificilmente cuestionábel" xestión.

O BNG vén de advertir á Xunta de que debe ser “realista” pois será “difícil”, senón imposíbel, alcanzar a inmunidade de grupo a finais do verán tal e como anunciaba hai uns días o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O representante do Executivo galego indicaba o día 19 que tomaba con “optimismo” a campaña de inoculación, pois agardaba que o 70% da cidadanía galega estivera vacinada contra a Covid-19 ao longo do estío.

Mais, desde o punto da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, cumprir con ese compromiso “non vai ser posíbel” e o que fai o Executivo é dar “falsas esperanzas” á poboación.

Por iso, instou á Xunta a “dicirlle aos galegos a verdade”, fiel á “realidade”. Ademais, engadiu, ten que haber máis “transparencia” no reparto das doses entre as áreas sanitarias porque denunciou que, até o de agora, é “desigual”.

De cara ás próximas semanas, recomendou estar “moi atentos ao que está a pasar” no resto de Europa, onde se detecta o inicio dunha cuarta onda da epidemia. Así insistiu ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo en que manteña “a máxima responsabilidade e precaución” coas restricións que vaia estipulando.

Respaldo das médicas e negativa do PPdeG

Este discurso da nacionalista foi secundado pola Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia. O seu voceiro, Lorenzo Arementeros, alertou de que no ritmo actual esa inmunidade non se acadará até o verán de 2022.

Se ben destacou que o número de vacinas que van chegar é maior do previsto, “queda moi lonxe do que tería que ser unha vacinación masiva”.

En calquera caso, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, apoiou a xestión de García Comesaña fronte ás críticas do BNG. “É dificilmente cuestionábel” pois, ao seu entender, “informa con absoluta transparencia”. Ademais, prevé unha aceleración do ritmo en canto cheguen máis vacinas.