Pontón asina contra o feche en agosto do xulgado coruñés de violencia sobre a muller

Ana Pontón asina contra o encerramento do xulgado

Para a líder do BNG, é "inconcebíbel" que non haxa unha xuíza substituta para manter aberto o xulgado de violencia sobre as mulleres da Coruña durante o mes de agosto. Pontón participou esta quinta feira na campaña de recolla de asinaturas posta en marcha pola formación nacionalista contra o encerramento.

Pontón non compra a escusa economicista -Xustiza alegou falta de fondos- como xustificación do encerramento do xulgado durante o mes de agosto. Ese argumento non é de recibo cando, denunciou, o goberno central "acaba de incrementar en máis de 7.000 millóns de euros os fondos para a compra de armamento militar".

 

Para a dirixente nacionalista, quer o goberno central quer o galego están a demostrar que o combate contra a violencia machista non fai parte das súas prioridades. Destarte, deplorou que "a carta de apresentación do Pacto contra a Violencia de Xénero no Estado sexa o feche dun xulgado durante os meses de verán". Desde o BNG, enfatizou, "non imos ficar calados e caladas e facemos unha chamada a toda a sociedade para se involucrar na denuncia desta situación". 

 

Alegou a líder do BNG que o encerramento do xulgado da Coruña está a causar o adiamento na luz verde ás ordes de afastamento "e hai vidas que dependen destas medidas", recalcou. Pediu a implicación da Xunta no asunto. O goberno galego é responsábel, argumentou, porque "nen reclama nen presiona", pese a que no mes de xaneiro todas as forzas políticas presentes no Pazo do Hórreo exixiron "máis recursos para os xulgados e mellorar a asistencia xudicial".