Pontevedra volve ser epicentro do movemento contra as touradas en Galiza

[Imaxe: Cristina Saiz/ Pontevedraviva.com]

Máis dun millar de persoas participaron da manifestación que cada ano reclama a abolición da tauromaquia

“Touradas fóra de Pontevedra”. Máis un ano a mesma consigna. Máis un ano no mesmo lugar. A cidade de Pontevedra volveu ser este sábado o epicentro do movemento social contra as touradas. A manifestación deste ano, que contou co apoio de cento dezanove organizacións sociais, políticas, sindicais e ambientais, --entre elas o BNG, que goberna na cidade, e a súa organización xuvenil, Galiza Nova-- logrou convocar a máis dun millar de persoas na cidade de Lerez, coincidindo coa celebración da única feira taurina que inda se realiza no noso País.

 

Demandan que todas as administracións públicas deixen de axudar “directa ou indirectamente” ao empresariado taurino

A xornalista Diana López Varela puxo voz ao manifesto co que concluía unha mobilización encabezada por unha faixa sob o lema “a tortura non é arte nin é cultura”. O texto volveu demandar a abolición dos espectáculos taurinos, reclamando unha lei de protección nacional que as prohiba definitivamente. Para alén de denunciaren que a tauromaquia supón a práctica da tortura contra un animal, sinalaron que as touradas non teñen arraigo en Galiza e carecen de afección, o que ten provocado que sexan un negocio “ruinoso” que unicamente sobrevive grazas ao diñeiro público. Neste sentido, acusan á Xunta e mais ao Partido Popular de “manter artificialmente” un negocio que só beneficia uns poucos empresarios “próximos ao poder”. 


Aliás, reivindicaron que todas as administracións públicas deixen de axudar “directa ou indirectamente” ao empresariado taurino, como xeito de axilizar a desaparición das touradas. O colectivo “Touradas fóra de Pontevedra” demanda a fin do convenio que o Concello de Pontevedra --que non subvenciona nin colabora coas touradas--, asina cos propietarios da praza de touros para o uso das súas instalacións para actividades públicas de carácter cultural, como o torneo medieval da Feira Franca.