Pontevedra tornará no epicentro da mobilidade sostíbel en 2025

Otto Lührs Middleto e Miguel Anxo F. Lores, esta terza feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
A cidade acollerá o segundo congreso da Rede iberoamericana de investigación en desprazamento activo, saudábel e sostíbel.

Pontevedra será a sede do segundo congreso da Rede iberoamericana de investigación en desprazamento activo, saudábel e sostíbel (RIIDASS), unha cita que encherá a Boa Vila de bos hábitos entre o 9 e o 11 de abril de 2025 por medio dun amplo programa que se desenvolverá entre o Teatro Principal e a Facultade de Ciencias da Educación. Esta cita divulgativa chega a Pontevedra logo de comezar o seu camiño no municipio chileno de Valparaíso, que acolleu a primeira edición.

O obxectivo do congreso é procurar novas vías de traballo á hora de impulsar cidades máis sostíbeis e con desprazamentos peonís, ao tempo que relaciona este tipo de locomoción e mobilidade coa saúde e a loita contra o cambio climático.

Os pormenores do evento debullounos esta terza feira en rolda de prensa o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, após reunirse co profesor chileno Otto Lührs Middleto, un dos impulsores do proxecto e bo coñecedor do modelo de transformación urbana de Pontevedra após estudalo nos últimos anos.

"Sempre é unha honra que nos escollan para calquera tipo do congreso, máis aínda neste caso pola súa relación coa cidade dada a súa referencialidade na transformación urbana", manifestou o rexedor, que chamou a construír en todo o mundo "cidades máis habitábeis, con servizos activos e a mobilidade peonil como prioritaria".

Pola súa parte, Lürhs explicou que foi no ano 2019, nunha visita a Pontevedra, cando comprendeu que se trataba "dunha vila especial" ao comprobar a "tranquilidade" que sentía cando vía xogar o seu fillo de catro anos lonxe del e da súa parella, sen risco ningún. "Isto non pasa na nosa cidade. Foi triste constatar que nos sentiamos mellor aquí que na nosa vila", dixo.

Este congreso achegará até a cidade do Lérez arredor de 200 persoas, maioritariamente profesores e profesoras con perfís relacionados coas ciencias da educación e do deporte.