Pontevedra reclama á Xunta que asuma a limpeza extra dos colexios polo protocolo da Covid-19

En centros como o IES As Telleiras de Narón ven inviábel cumprir coas indicacións de prevención que impón a Xunta. (Europa Press)
A Xunta de Goberno do Consello de Pontevedra valida un acordo no que insta a Xunta a asumir o financiamento da limpeza extraordinaria dos centros de ensino da cidade, recollida no protocolo elaborado pola Consellaría de Educación para a adaptación do inicio do curso vindeiro á situación sanitaria.  
 

A solicitude é un dos puntos do documento aprobado, emitido en relación ao plan que a Xunta adoptou sen contar co apoio, nin dos sindicatos do ensino nin dos colectivos de familias. Segundo recolle o acordo municipal, este protocolo educativo "non garante o inicio do curso e imponlle responsabilidades no funcionamento dos centros ao profesorado, ás nais e aos pais, así como aos Concellos, que se farían cargo do sobrecusto, sen asumir a Xunta –a Administración coas competencias en educación e sanidade– ningunha delas".

Nese sentido, o documento validado onte pola Xunta de Goberno  pontevedresa exixe á Xunta a elaboración e financiamento do plan de limpeza extraordinaria e mantemento dos colexios da cidade, "asumindo a totalidade do sobrecusto", e emprázaa a abrir un "proceso de diálogo urxente" coa comunidade educativa e coa Fegamp –a Federación Galega de Municipios e Provincias– co obxectivo de resolver os problemas derivados do protocolo, "elaborado de forma unilateral pola Xunta", para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020/2021. 

Ademais, a Xunta de Goberno  explicita no seu acordo o apoio á Federación de ANPA de Pontevedra (Fanpa) na súa demanda á Xunta "para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares" a partir de setembro polos custos económicos e polas necesidades de persoal e materiais extraordinarios derivados da aplicación do plan da Xunta para o novo curso.

Suspensión de servizos

A semana pasada, a federación de asociacións de nais e pais de Pontevedra e a de Vigo, Foanpas, remitiron á Consellaría de Educación un escrito, como entidades que xestionan nos colexios as actividades de comedor, aulas de madrugadores e extraescolares, no que advertían de que as novas condicións para a volta ás aulas contidas no protocolo da Consellaría fainas "inasumíbeis" para estas entidades sen un apoio da Administración e chamaban ao diálogo para poder asegurar estes servizos.

A advertencia chegaba un día despois de que a Fegamp criticase, tras unha reunión do seu presidente, Alberto Varela, coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, a posición do Goberno galego de non habilitar fondos extraordinarios para compensar os concellos polas tarefas extraordinarias de limpezas que se impoñen nos centros escolares de Primaria que, como indicaba o titular da entidade, asumen as Administracións locais como competencia impropia.  

O protocolo galego de adaptación da volta ás aulas ao contexto da Covid-19 estipula que deberán realizarse desinfeccións diarias, tanto dos aseos como dos espazos comúns dos centros. No caso de Pontevedra, o Concello estima que o gasto extra por estes labores sobrepasaría os 928.000 euros.

En Narón ven o "imposíbel de cumprir" as medidas da Xunta

O protocolo da Xunta para a volta ás aulas segue sumando detractores, neste caso, o claustro do IES As Telleiras de Narón, que acordou rexeitar o documento por ser de "imposíbel" cumprimento nun centro que "sofre desde hai anos unha alta masificación, con aulas ateigadas e coa imposibilidade pola falta de profesorado de levar adiante
os desdobres necesarios".

Tras reunirse de forma extraordinaria a semana pasada, o profesorado trasladou ás Autoridades educativas, responsábeis municipais e familias a "imposibilidade de dar cumprimento ás medidas estabelecidas no protocolo e, polo tanto, de garantir a volta ás aulas de forma presencial na súa totalidade, nunha contorna escolar segura nas actuais condicións de espazos e infraestruturas e co persoal de que se ten a disposición".