Pontevedra medirá o impacto do seu modelo urbano no medio ambiente

A concelleira Anabel Gulías e o investigador Pedro Figueroa presentaron o Observatorio PO2.

Medir para avaliarse e poderpoder actuar. O Concello de Pontevedra pon en marcha un observatorio para coñecer de forma sistematizada cal é a incidencia do modelo urbano que impulsa o Goberno local sobre o medio ambiente, a través de indicadores como as augas, a atmosfera, os residuos, a mobilidade e o territorio.

Pontevedra conta cun novo instrumento para medir o impacto que ten sobre o medio ambiente o modelo de cidade que funciona desde 1999, data na que no Goberno local pechou o centro ao tráfico rodado, e para avaliar as súas políticas urbanas. 

Esta semana, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou o Observatorio PO2, unha iniciativa que se desenvolverá en colaboración co grupo de investigación G4+ da Universidade de Vigo e que servirá para facer medicións ambientais sistemáticas. "Emprendemos este camiño para ver como o desenvolvemento urbano afecta á calidade de vida das persoas, non só no que ten a ver coa contaminación atmosférica, senón noutros aspectos como a contaminación acústica e luminosa e outros efectos, ou coa xestión hídrica, un recurso moi valioso, e a implementación do novo modelo de residuos mediante a compostaxe", sinala a edila, en declaracións a Nós Diario.

O observatorio, cuxa posta en marcha chega despois de cinco meses de traballo técnico e de reunións con expertas, empresas concesionarias e entidades ambientalistas, fará un seguimento de 186 indicadores en cinco ámbitos como son as augas, a atmosfera, os residuos, a mobilidade e o territorio. "Se queremos falar en serio de economía circular, de axendas urbanas e de desafíos medioambientais nas cidades débense implementar políticas urbanas concretas", indica Gulías, que lembra que esta ferramenta está vinculada á campaña municipal EfectoPO2, centrada na emerxencia climática e no papel de Pontevedra nas medidas para combatela.

Os datos, que estarán abertos á cidadanía, permitirán, en palabras da concelleira, "ver que os efectos de entender o espazo público como un dereito teñen beneficios ambientais", mais tamén permitirán detectar se algunha das accións que se leven a cabo non ten os efectos esperados, de cara a poder corrixila.