Veciñanza pontevedresa sae á rúa en defensa da sanidade pública ante a falta de médicos e o colapso das urxencias

A concentración decorreu esta sexta feira na praza da Peregrina. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A concentración "convócana os veciños" e que "nada ten a ver con política", defenden desde a Federación de Asociacións Veciñais Castelao.

A Praza da Peregrina de Pontevedra acolleu esta sexta feira unha concentración cidadá en defensa da sanidade pública ante a situación que se está vivindo actualmente nesta área sanitaria, coa falta de médicos en Atención Primaria e o colapso das urxencias hospitalarias como principal problema.

A protesta foi convocada pola Federación de Asociacións de Veciños Castelao, que aproveitou a numerosa presenza de xente para recoller sinaturas de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que insta a Xunta a tomar medidas urxentes pola  Primaria.

A concentración estivo encabezada cunha única pancarta na que se lía 'A Sanidade non se vende, deféndese'. O presidente da Federación Castelao, Juan Manuel Loureiro, expresou o descontento coa progresiva deterioración do funcionamento de centros de saúde, puntos de atención continuada (PAC) e hospitais en Pontevedra e reclamou ao Goberno galego que garanta un servizo sanitario en condicións, tanto para pacientes como para o persoal médico.

Loureiro enumerou unha serie de problemas derivados da falta de médicos que adoece este distrito sanitario e que provocan, segundo sinalou, a constante anulación de citas ou que moitos cidadáns xa non teñan un facultativo de cabeceira asignado, algo que repercute de maneira especialmente negativa nos pacientes con patoloxías crónicas.

Ante as acusacións por parte do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda de "politización" deste tipo de protestas, o portavoz da Federación Castelao lembrou que esta concentración "convócana os veciños" e que "nada ten a ver con política". Até a concentración achegáronse membros do Goberno local de Pontevedra.