Pontevedra inicia os trámites para a creación dunha estación intermodal

Imaxe: Xunta

A cidade do Lérez unirá finalmente as súas estacións de tren e autobús. O proxecto, que levaba anos sobrevoando e aparecendo no imaxinario da cidade, será unha realidade e comezará, nun principio, a súa execución no vindeiro ano. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinaron o convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno Local, para o desenvolvemento desta futura unión entre edificios, consensuada entre as dúas administracións, e que suporá un investimento inicial de 4 millóns de euros.

 

Na actualidade, ambas estacións están separadas por apenas cincuenta metros de rúa, unha fronte a outra. A idea de crear unha gran estación unida suporía a mellora de todo o lugar, e un paso de xigante para a comodidade e seguridade dos viaxeiros que chegan ata a capital de provincia ou os veciños de Pontevedra. A Xunta fala do proxecto como unha obra “de futuro”, mentres que o Concello sinala como a estación intermodal e o seu entorno serán un novo exemplo de estándar urbano, con preferencia para os peóns.

 

A actuación asinada conta cun orzamento de 4 millóns de euros, dos que o Concello asumirá un máximo dun millón (o 25 %). Preténdese contratar a obra no segundo semestre de 2018 e terá, previsiblemente, un prazo de execución de doce meses. Ademais da senda peonil, que unirá ambos métodos de transporte, farase unha intervención de todo o entorno da estación de bus, que nos últimos tempos mostrase máis avellentada. O proxecto cambiará “dun xeito radical” a súa entrada, facilitará o tráfico cara a terminal (crearase un novo acceso directo dende a avenida Josefina Arruti, o que evitará atascos e mellorará o desprazamento dos autobuses), reordenará o tráfico de coches e peóns na zona e fará posible que os usuarios descubran un pequeno tramo do río Gafos. Tamén haberá un novo peche perimetral, renovaranse todos os servizos e instalarase nova iluminación en todo este ámbito urbano. Asemade, inclúese a reordenación da zona actual de aparcadoiro fronte á estación de autobuses, que incluirá unha parada de taxi e un espazo 'kiss & ride' para poder parar fronte á terminal para deixar ou recoller pasaxeiros.

 

Por outra banda, a Xunta tamén quixo indicar que 1,5 millóns do presuposto asinado irán destinados á reforma do propio edificio da estación de autobuses, que non luce a día de hoxe a súa mellor cara. Prevese a renovación de toda a fachada así como da cuberta das instalacións. No se interior procederase a reordenar tódolos seus espazos, colocarase un teito novo e melloraranse os sistemas eléctricos e de iluminación, así como se adecuará o seu mobiliario.

 

Dentro dos compromisos municipais que recolle o convenio destacan, ademais da achega do 25 % do presuposto, o pago das expropiacións en caso de ser necesarias, e, de existir aforros na adxudicación, a súa redundancia na cota que achega o Concello. En caso de que deran incrementos, Xunta e Concello asumirán ao 50 % os mesmos.

 

“Agardo que se contrate o máis axilmente posible e se consensúe tamén o tratamento en superficie”, destacou Fernández Lores, que celebrou que este espazo intermodal “entre dentro do modelo de cidade que defendemos”. Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presente tamén na firma do convenio  agradeceu a "vontade de diálogo" que a Xunta atopou no Concello fronte a outras administracións que, dixo, apostan por unha "política de confrontación", o que impide desenvolver as actuacións previstas.

 

Co convenio xa asinado a Xunta de Galicia sacará a licitación a próxima semana o proxecto construtivo de intermodalidade e paralelamente avanzará na redación do proxecto de reforma da estación de autobuses. Unha vez que todo estea rematado, o Concello terá que lle dar a súa conformidade e despois iniciarase todo o proceso de contratación para que den comezo as obras necesarias que fagan o novo espazo público.