Pontevedra erixe a súa voz contra as touradas

Imaxe: Galiza Contrainfo. Protesto contra as touradas en Pontevedra

Unhas mil persoas participaron na tradicional manifestación que todos os anos percorre as rúas de Pontevedra para pedir a fin das touradas na cidade do Lérez.

Un total de 116 entidades sociais, ambientais e culturais adheríronse ao protesto que decorreu na tarde do sábado en Pontevedra contra as corridas de touros. Amais de persoas vinculadas con Pacma, Vox Anima ou Os Palleiros, participaron da mobilización o colectivo Galiza Antitouradas e membros do BNG e da Marea de Pontevedra.

“Tauromaquia abolición” e “A tortura nin é arte nin cultura” foron, como cada ano, os lemas máis coreados polos mil participantes, segundo cifras fornecidas por Europa Press. Algúns manifestantes tamén se pronunciaron contra o convenio do Concello de Pontevedra para o uso da praza de touros como espazo do torneo medieval da Feira Franca, un espazo que se leva anos empregando por ser o máis acaído, segundo fontes municipais, para o desenvolvemento dunha das actividades que máis entusiasmo esperta na festa que devolve a cidade do Lérez ao Medievo.

"A Xunta defende as touradas por unha cuestión ideolóxica e política"

Na lectura do manifesto, a organización expresou o seu rexeitamento á proposta de reforma da Lei de Protección Animal por parte da Xunta, xa que mantén as touradas como excepción de maltrato animal. “A única razón para que o Goberno de Feijóo aposta en defender as touradas é ideolóxica e política”, apuntou a organización a través do manifesto.

Doutra banda, participantes na mobilización puxeron de manifesto que está nas mans da Xunta de Galiza acabar coas touradas no país, ao ser o Goberno galego, e non o Concello, quen ten a potestade de prohibir as corridas de touros.