Pontevedra di “non” á privatización das beirarrúas

Mentres a cidade de Pontevedra vía aumentar o tamaño das súas beirarrúas como parte indispensábel do proceso de transformación a favor do modelo peonil dos últimos anos, tamén creceu dunha maneira lóxica o mercado hostaleiro que aproveitaba o novo espazo para ocupalo coas súas terrazas.

Non é ningún segredo que nos últimos tempos a situación parecía estar revertendo nun feismo paisaxístico para as rúas, e, inclusive, nunha incomodidade para o veciñanzo a hora de andar por certas prazas ou pasos máis estreitos. Coas queixas sobre a mesa, o Concello pontevedrés anunciou a pasada semana medidas para prohibir os toldos e os enormes encerramentos de plástico que inzaron a cidade. O Goberno local afirma que non pode permitir a privatización das beirarrúas e chama á convivencia de todas as partes.

 

A decisión do Concello foi trasladada pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, aos propios hostaleiros da cidade nunha reunión que serviu para presentar as modificacións que serán aprobadas cara á ordenanza que regula as terrazas e os veladores. A xuntanza transcorreu de maneira afábel. Formuláronse críticas, mais en xeral enténdese a necesidade dunha nova regulación.

 

Un dos asuntos que máis interese supuña para os responsábeis do sector hostaleiro era o do horario. Con todo, este foi aceptado sen maior discusión. Se nada cambia, a normativa mostrará un horario único que irá das nove da mañá até a unha e media da madrugada. Será compartido por todos os días da semana, de segunda feira a domingo, salvo excepcións de eventos especiais (como Feira Franca). Así, Gulías lembrou que non se permitirá colocar a terraza antes desa hora aínda que non se utilice. Espérase que co novo horario diminúan as molestias para as veciñas e veciños, ben como eventuais molestias que se podían ocasionar tais como entorpecer a limpeza viaria.

 

Un dos asuntos que máis interese supuña para os responsábeis do sector hostaleiro era o do horario. Con todo, este foi aceptado sen maior discusión

 

 

Por outra banda, a prohibición de toldos e de ocupación da vía pública resultou nun tema máis sensíbel. A posibilidade de utilizar todo tipo de ancoraxes ou encerramentos nas terrazas será desterrada da cidade. A concelleira de Promoción Económica cualificou a súa imaxe coma “daniña”, e sinalou o incríbel crecemento destas terrazas cubertas por toda a Boa Vila, incluíndo o Casco Histórico, que ten a consideración de protexido. 

 

O concello avisa de que non quere que a cidade acabe por se converter nunha cadea de encerramentos de plástico fronte a cada local hostaleiro, e define a acción coma unha especie de uso privado dun espazo público. Desa maneira, anunciáronse medidas sancionadoras polos servizos de disciplina urbanística. Facer uso destas estruturas será considerado unha infracción moi grave, o que pode resultar nunha sanción administrativa de até 3.000 euros.

 

A posibilidade de utilizar todo tipo de ancoraxes ou encerramentos nas terrazas será desterrada da cidade

 

Pese á delicadeza do asunto, a aprobación da nova normativa conta co consenso da maioría. “A realidade é que ten que existir unha boa convivencia entre veciños, hostaleiros e concello. Un só pensa no seu negocio, pero pode ser que si, que se estea a dar una situación un tanto masificada do uso dos veladores”, recoñece o responsábel dun negocio pontevedrés do centro da cidade. 

 

En xaneiro será aprobada a normativa, momento que se agarda con impaciencia na Boa Vila pola veciñanza e polo sector do comercio para ver como se aplica exactamente, e con que esixencia real para os negocios. Tamén a oposición quixo deixar constancia da súa opinión. César Abal (PP) asegura tender a man ao Goberno local para lograr unha transformación da normativa máis ambiciosa e que regule todos as cuestións que se atopan actualmente no aire. Entre elas destaca a dunha fiscalidade progresiva e non única. 

 

As fotografías son da autoría de C.P.