Pontevedra di adeus ao Príncipe Felipe e dá a benvida a Daría González

(Xunta)

O DOG  publica hoxe o cambio de nome do centro de ensino pontevedrés.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta segunda feira a disposición da Consellaría de Educación polo cal se autoriza o cambio de denominación específica para o CEIP Príncipe Felipe de Pontevedra, que pasa a se denominar Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Daría González García.

Daría González García, nada en Pontevedra en 1912 e finada na mesma cidade o 20 de xaneiro de 1999, foi unha mestra e política galega. Foi unha das poucas mulleres que participaron no Seminario de Estudos Galegos como socia protectora. Militou no Partido Galeguista desde 1932.

Socia fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, formou parte da xunta reitora da Fundación Castelao, estivo vinculada ao Museo de Pontevedra e tivo un destacado papel na cultura local pontevedresa. Foi elixida concelleira de Pontevedra por Unidade Galega nas primeiras eleccións democráticas e foi tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983. 

No Álbum das Mulleres do Consello da Cultura galega sinálse: “En 1950 creouse en Pontevedra o Colexio Inmaculada, como unha sociedade entre Blas Arias, Francisco Cerviño e Ángel Piñón, e as súas respectivas esposas, Pilar Torrado, Daría González e Concha Cimadevila. Docente neste colexio ata 1954, logo nos institutos de educación secundaria de Marín e, sobre todo, de Pontevedra, dedicouse ao ensino durante 44 anos; así que, polas súas aulas, pasaron varias xeracións de pontevedreses e pontevedresas que a relembran como unha mestra afable e comprensiva, como unha gran muller. Xosé Luís Méndez Ferrín, alumno seu no Colexio Inmaculada, recordaba que, na Pontevedra dos anos cincuenta, a «señorita Daría», como adoitaban chamala daquela, utilizaba nas súas clases o método pedagóxico de Froebel —que o seu avó materno introducira no centro de ensino que fundara en Pontevedra a finais de século—, e a influencia que nas súas propias clases tivera «aquela muller galeguista e ceibe sempre co sorriso nos beizos”.