Pontevedra continúa investindo no rural coa criación dun espazo deportivo e de ocio en Salcedo

Un momento da apresentación do proxecto

O Concello de Pontevedra continúa co seu esforzo económico á hora de modernizar as parroquias rurais da bisbarra. Agora chega a quenda de Salcedo, onde se construirá unha grande área deportiva e de ocio, grazas á unión de forzas entre a comunidade de montes do lugar e o propio Concello. 

Polo pronto, serán máis de 73.000 os metros cadrados nos que se traballará. Ditos terreos son os recuperados polos comuneiros á Brilat, os cales foron usados como campo de tiro, en exercicios e manobras que os tomaban como se se tratase dunha aldea afgá.

 

A actuación pactada inclúe a construción dun campo de fútbol de herba sintética, que ocupará o espazo central dos terreos, ben coma unha área que servirá de aparcadoiro e que contará con 137 prazas para automóbiles. Tamén se contempla un parque infantil e unha zona de xogos cardio-saudábeis, xunto a un campo da festa para a organización de diferentes eventos, un circuíto para a práctica de BMX, unha pista de atletismo, un rocódromo no que levar a cabo escalada e unha carballeira.

 

Este último punto é clave, xa que o concelleiro Alberto Oubiña, representante do Concello na zona, porá en valor os terreos forestais autóctonos “fronte á eucaliptización”. De igual maneira, definiu o proxecto durante a súa presentación como “ambicioso” e co obxectivo de conseguir un aproveitamento total do monte da parroquia de Salcedo, e con estruturas respeitosas co medio natural.

 

Serán máis de 73.000 os metros cadrados nos que se traballará, os recuperados polos comuneiros á Brilat

 

Se todo marcha ben, o proxecto, que aínda está en fase de redacción, vaise pór en marcha no segundo semestre do 2018. Nesta futura primeira fase, levarase a cabo a construción do campo de fútbol, que ocupará 11.3000 metros cadrados dos 73.500 dispoñibles, e dará servizo para o seu uso habitual ao equipo da parroquia que máis nenos e nenas move na zona, a SCD Salcedo. Tamén se levantará o aparcadoiro (4.000 metros cadrados).

 

Por diante queda unha tramitación de carácter complexo, e é que o concello terá que presentar informes á Xunta pola grande cantidade de restos arqueolóxicos que existen na zona, tamén ao departamento de Medio Rural, e ao Ministerio de Defensa, por estar xusto ao lado da Brilat.

 

O concelleiro Oubiña tamén lembrou que este é o cuarto (e espera ser o definitivo) proxecto para construír un novo campo de xogo na parroquia. Houbo hai anos un intento desbotado ao carón da Misión Biolóxica, e máis recentemente outro proxecto falido ao lado do pavillón por mor da aparición de restos arqueolóxicos e o proxecto rexeitado pola Comunidade de montes de Lourizán para facelo na actual ubicación, en terreos a cabalo de dúas comunidades de montes veciñais (Lourizán e Salcedo).

 

O concello terá que presentar informes á Xunta pola grande cantidade de restos arqueolóxicos que existen na zona

 

O presidente dos comuneiros, Fernando Pintos, enmarcou a iniciativa nun proxecto global de recuperación do monte de San Martiño, que inclúe unha explotación forestal sostible na que se plantaron más de 40.000 árbores frondosas, coníferas e de ribeira e na que se habilitaron máis de 20 quilómetros de sendas.

 

Ademais, estanse recuperando simultaneamente unhas 120 hectáreas nas que tamén se está ultimando a instalación dunha aldea neolítica, para a que tan só resta a licenza municipal, un centro de interpretación de natureza ou un servizo de bar nas inmediacións do futuro campo de fútbol.

 

Pintos tamén fixo fincapé na proximidade desta futura área deportiva coa cidade de Pontevedra. Só cinco quilómetros separarán as súas instalacións do centro da cidade, polo que espera que a zona se converta nun reclamo non só para a veciñanza de Salcedo, senón tamén para a da Boa Vila, e toda a da bisbarra pontevedresa.

 

Este novo proxecto e o seu respectivo investimento volve manifestar o interese do Concello por manter un rural vivo e dinamizado. Fronte ás críticas de abandono das zonas menos urbanas do municipio, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lembrou este verán que non podían ser máis infundadas. “Gastamos de media cinco veces máis por habitante que no ámbito urbano”, sinalou en rolda de prensa. Recoñeceu que é difícil operar e chegar a todos os sitios á vez, pero resaltou o esforzo feito polo goberno local por trasladar os estándares de calidade urbana ás parroquias.

 

Nota: o plano que acompaña esta información é o do proxecto e foi cedido a Sermos polo concello.