Pontevedra cumpre "sobradamente" as exixencias da nova Lei de cambio climático: toda a cidade é xa zona de baixas emisións

Vista aérea da cidade de Pontevedra. (Foto: Juan Carlos Alonso)
O anteproxecto da Lei estatal de mobilidade sostíbel, que regula as zonas de baixas emisións, "parece calcado do modelo de Pontevedra", sinala o edil César Mosquera.

O Concello de Pontevedra empezará o ano 2023 coa tranquilidade de saber que o municipio cumpre "sobradamente" coas exixencias da nova Lei de cambio climático e transición ecolóxica, que contempla a entrada en vigor o próximo 1 de xaneiro das zonas de baixas emisións (ZBE) cumprindo, aliás, "cos parámetros máis esixentes da Organización Mundial da Saúde".

O concelleiro de Infraestruturas e Ordenación do Territorio, César Mosquera, compareceu esta quinta feira en rolda de prensa para valorar esta nova normativa, que se apoia nun real decreto que foi aprobado esta mesma terza feira e nunha estratexia elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e mais a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

En primeiro lugar, Mosquera lembrou que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea condenou o Estado español por non adoptar as medidas necesarias para frear o incumprimento sistemático dos límites legais de dióxido de nitróxeno do ar en Madrid e a área metropolitana de Barcelona entre 2010 e 2018. "Isto ten relevancia porque todo o que se desencadeou despois ten esta orixe", dixo o concelleiro pontevedrés.

"Ante esa presión" da Unión Europea, o Goberno español na Lei de cambio climático definiu "ás présas e correndo" as zonas de baixas emisións "só tendo en cuenta as opcións que estaban a barallar as grandes cidades", explicou Mosquera. Segundo indicou o edil nacionalista, "partimos dun marco absolutamente retorto e perverso, non arranxamos os problemas onde hai alta contaminación, damos un salto no baleiro e pomos todas as cidades de máis de 50.000 habitantes cunhas solucións que non se corresponden co seu tamaño nin coa súa dinámica".

Como consecuencia a Lei de cambio climático estabelece que a aplicación das ZBE afectará desde este 1 de xaneiro de 2023 un total de 149 municipios a nivel estatal, aínda que "que a teñan fidedignamente implantada só están Madrid, Barcelona e Pontevedra"; outros están en trámite.

Así, en Pontevedra, todo o centro urbano, unha superficie de 324 hectáreas, é zona de tráfico reducido, segundo recolle no seu Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel, "e resulta que Madrid e Barcelona seguen sen cumprir os parámetros de contaminación e nos demais hai un cumprimento xeneralizado". "As cousas que nacen mal dificilmente van ir ben", valorou Mosquera.

Novo anteproxecto e decreto

A pasada semana o Executivo estatal aprobou o anteproxecto de Lei de mobilidade sostíbel, que regula estas ZBE e "que parece calcado do modelo de Pontevedra" no que atinxe ao alivio do tráfico e recuperación do espazo público para os peóns, segundo sinalou Mosquera. Aliás, a pasada terza feira aprobou o real decreto que recolle as directrices para implementar estas áreas libres de emisións "e fixa claramente cales son os obxectivos, que non son cobrar por entrar ou as etiquetas, senón mellorar o aire e mitigar o cambio climático".

Así mesmo, este real decreto recolle que se poderán estabelecer excepcións ao modelo "a condición de que se cumpran os parámetros", e neste caso Pontevedra cumpre cos parámetros "xa non só os da Unión Europea, senón cos máis esixentes da OMS". Mosquera supón que a maior parte das cidades que non teñen problemas de contaminación graves "van optar por esta vía, porque as outras son traumáticas", en referencia ao estabelecemento de perímetros, como o antigo 'Madrid Central', onde os vehículos máis contaminantes non poden transitar.