Pontevedra acolle a II Gala dos Medios en Galego

A Asociación de Medios en Galego organiza o evento que terá lugar este sábado 2 de febreiro.

Pontevedra acolle este sábado, 2 de febreiro, a II Gala dos Medios en Galego, organizada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA). Un acto que abre os actos do Día dos Medios en Galego, unha xornada que quere poñer en valor os medios de comunicación que utilizan o noso idioma. Tamén se conmemora o nacemento da primeira publicación en língua galega, O tío Marcos da Portela, que en 1876 soubo conectar coas preocupacións da xente humilde.

 

A gala comezará ás 12 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Un evento que contará coa presenza do actor e humorista Touriñán, así como a música de Uxía Pedreira. Estarán representantes da Asociación Cedofeita, Anxos Sobriño, de Cotenol, e Kiko da Silva, en representación do eido da banda deseñada, entre outros. O evento pecharase coas intervencións de secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

 

Para asistir é necesario recoller invitación. Estas estarán dispoñíbeis a partir das once da mañá desta quinta feira na Alcaldía do Concello de Pontevedra e no Museo de Pontevedra. Quen queira recollelas en horario de tarde poderá facelo a partir das 18 horas na Librería Paz, na Rúa Peregrina.

 

O presidente da Asociación de Medios en Galego, Henrique Sanfiz, fixo unha invitación a compartir esa celebración acompañado de Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, e Xosé Leal, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra. Para o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra a existencia de medios en galego ten tres vertentes: a cultural, a informativa e a de creación de emprego. Xosé Leal lembrou que é fundamental o apoio das administracións aos medios en galego para dar, asegurou, “unha situación de normalidade”.

 

A Asociación de Medios en Galego está formada por prensa, diarios en internet e radios. Na actualidade son 40 os que forman parte do colectivo. Dende a Asociación resaltan que o uso de internet abarata a produción e por iso cada vez son máis os que utilizan este vehículo para informar na nosa lingua.