Pontevedra acolle o 29 de abril unha homenaxe nacional a Fidel Castro

Fidel Castro_Cubadebate

Organizada pola ‘Francisco Villamil’ contará con recital de poesía, actuacións musicais e a intervención, entre outros, do cónsul cubano en Galiza, o actor e acivista Willy Toledo ou o alcalde pontevedrés, Fernández Lores

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o 29 de abril, a partir das 19:30 horas, unha homenaxe nacional a Fidel Castro organizada pola Asociación de amizade galego-cubana Francisco Villamil. O acto, con entrada de balde, será presentado pola actriz Mónica Caamaño e no mesmo tomarán a palabra os poetas Anxo Angueira, Marta Dacosta, Pepe Cáccamo, Manolo Pipas, Celso Parada e Luz Fandiño. A música virá da man de Tino Baz, Mini e Mero e Uxía Senlle.

En canto ás intervención, entre as persoas que tomarán a palabra están Miguel Anxo Fernández Lores (alcalde de Pontevedra), José Antonio Solana (cónsul xeral de Cuba en Galiza), Willy Toledo (activista e actor) e Valentín Alvite (presidente da Asociación Francisco Villamil).

Palabras galegas para Fidel’

De por parte, a Francisco Villamil informa que vén  publicar  o libro ‘Palabras galegas para Fidel’. Na primeira parte do volume, titulada Opinións, recóllese a valoración que, do líder revolucionario fan, entre outras, dirixentes políticos, como Fernández Lores (alcalde de Pontevedra), Ángel García Seoane (alcalde de Oleiros), Ana Pontón (portavoz nacional do BNG), Eva Solla (secretaria xeral do PCG), Suso Seixo (secretario xeral da CIG) ou Xose M. Sánchez Aguión (secretario xeral de CC OO). Na redacción destas páxinas, colaboran tamén coñecidos intelectuais, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero ou Teresa Moure. Contribúe igualmente co seu testemuño un destacado participante na Revolución Cubana nacido en Galicia: Pedro Trigo.

Na segunda parte, Ideas en acción, reúnese unha antoloxía de citas textuais de Fidel, extraídas de discursos e entrevistas.