Pontevedra acada a plena convivencia entre turismo e veciñanza

Foto de Luis Pereiro

A imaxe do turista co seu mapa, alternando miradas entre o edificio ou a praza que ten diante e o papel xeográfico, converteuse nunha estampa habitual na cidade do Lérez. Non a era hai uns anos, menos dos que poidan parecer, pero Pontevedra mudou na última década nun dos lugares das Rías Baixas predilecto polos visitantes. Non é froito da casualidade ou o azar, se non unha derivación directa de todas as accións que durante os últimos tempos permitiron o crecemento exponencial do turismo e a súa plena convivencia cos habitantes da bisbarra pontevedresa.

 

Os factores que converteron a Pontevedra nunha visita obrigada no sur da Galiza son variados, pero todos pasan polo triunfo do modelo urbano, a gran oferta de corte cultural e de ocio, e a situación xeográfica clave.

O seu modelo de cidade, premiado en numerosas ocasións ao redor do mundo, e que sigue xerando e espertando o interese dalgunhas das urbes máis grandes do globo, mudou a cidade nun fermoso recorrido onde o camiñante é o protagonista. Os automóbiles foron desaparecendo do centro histórico e os seus arredores para desfrute do turista e o veciño, o que leva a un incremento da seguridade e do benestar. A cidade pode recorrerse totalmente a pe, sen a necesidade de usar ningún tipo de transporte urbano, polo que o visitante só ten que armarse cun mapa e despreocuparse do resto.

 

“Temos moi claro o turismo que queremos para Pontevedra”, sinala Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica do Concello pontevedrés. “O modelo de cidade, de calidade de vida, é o que queremos transmitir aos visitantes. Non queremos ser unha cidade de paso, se non que queremos que a xente que vén viva a vila como un veciño máis”. Gulías fai referencia ao lema “Pontevédrate” no que suxire a comuñón ideal entre o visitante e o local nunca cidade que define como “amable” e “acolledora”.

 

Tamén o Camiño Portugués disparou a súa relevancia, e o aumento de peregrinos na vila dá boa conta de tal feito. O perfil de visitante estes días é moi variable. Xente de Alemaña, Francia ou Italia sente curiosidade por Galiza, e atopan en Pontevedra unha parada de gran interese. O mesmo pasa cos visitantes de Madrid ou Guadalaxara que nestes días visitan a cidade do Lérez, “fuxindo da calor” tal e como un deles sinala a pe de rúa.

 

Oferta cultural e de lecer

 

Por outro lado, a oferta cultural e de ocio; dispárase durante o verán. A presenza musical é obvia, pero non única. O Cinema na Lúa, conseguiu reunir aos amantes do cine ao aire libre na Praza da Pedreira; o Animatrón divertirá aos máis pequenos e encherá de xogos o Parque das Palmeiras; mentres que o VIII Festival Internacional de Animación de Rúa Itineranta, aparecerá de novo como unha das citas máis interesantes e curiosas de Pontevedra.

 

Xunto con outros eventos, a extensa programación destes meses propicios para as vacacións fai que as rúas de Pontevedra permanezan cheas dende primeira hora da mañá. Un paseo polo casco histórico que deriva nun xantar nalgunha das súas prazas, e que acabará por levar a seguir coñecendo a cidade. A simbiose xurdida entre a hostalaría e o turismo pontevedrés é extremadamente beneficiosa para tódalas partes. As terrazas cheas, entre visitantes e veciños, é a mostra definitiva da boa convivencia que se mantén na vila. Nese sentido, propostas como Cunca e Nécora, un roteiro que mestura gastronomía e cultura, mostrase como exemplo perfecto de propostas alternativas ao turismo habitual e que gozan de grande éxito. Tamén para os máis pequenos da casa está O Ganapán, un espazo lúdico que achega aos nenos á cociña durante todos os fines de semana do verán con diversión, xogos e sabores; na Praza de Abastos.

 

Asemade,  o Concello comezou o pasado 19 de xuño coas visitas guiadas realizadas pola Oficina de Turismo de Pontevedra. Dúas ocasións ao día de coñecer a cidade da man de guías profesionais e por un prezo de 5 euros (3 con tarifa reducida). Estas rutas polo casco histórico continuarán ata o 15 de setembro, e teñen unha duración de case dúas horas. Debido a súa alta demanda convén facer unha reserva no teléfono habilitado para elo (986 090 890).

 

Este tamén é o primeiro verán na vila do Lérez coa nova área de auto caravanas de balde, con unha capacidade total de vinte vehículos destas características. A proposta tivo un recibimento espectacular durante a súa inauguración e non hai día que o aparcadoiro non teña algún turista que converteu a estrada na súa casa particular. O lugar, a escasos dez así como toma de auga potable.

 

Fronte a outras vilas coma Sanxenxo ou Portonovo que seguen contando cunha afluencia de visitantes tremenda, Pontevedra aparece no mapa como un punto privilexiado á hora de coñecer as Rías Baixas. Os alugueres na cidade chegan a ter unha gran vantaxe se se comparan cos das históricas vilas turísticas, por iso moitos visitantes optan por Pontevedra como destino final. Ademais das praias propias da ría ou doutros concellos próximos coma Poio, Marín ou Bueu; a oferta de ocio os días que o ceo non acompaña é rica, por iso é habitual que os días encapotados incluso se acerquen máis visitantes vidos dende O Grove ou Sanxenxo.