Máis

Pontes de pasado e presente

En primeiro plano, restos da ponte romana. Ao fondo, as pontes do século XX que unen Sarria e Portomarín (Foto: Carlos Castro-Europa Press).
A conexión entre Portomarín e Sarria

Portomarín, noutrora situada ás beiras do río Miño, foi unha vila estratéxica para o descanso e aprovisionamento dos peregrinos que se dirixían cara a Compostela. Unha longa ponte romana permitíalles, a estes e á veciñanza, cruzar o largo río. Mais a mediados do século XX, a construción e posterior remodelación dos encoros dos Peares e de Belesar obrigou ao traslado de Portomarín a unha posición máis elevada. 

O nome de Portomarín perdeu daquela e para sempre o seu significado: portumarini, en referencia a un porto ou paso fluvial de pouca profundidade.
Tanto a vila como a igrexa de San Nicolao, catalogada como Conxunto Histórico Artístico xa en 1946, foron trasladadas pedra a pedra. Cada bloque foi marcado, numerado e ensamblado de novo na súa localización actual. 

A ponte romana, destruída por Dona Urraca, reconstruída posteriormente por Pedro Peregrino e finalmente desmantelada, foi substituída primeiro en 1930 por unha infraestrutura adaptada á época que permitía transitar entre Sarria e Portomarín, e máis tarde por un impoñente viaduto, en pé na actualidade.

Tanto os restos da ponte romana como a ponte de 1930 só son visíbeis cando baixa a auga do encoro de Belesar, en épocas de fortes secas. Nas tempadas en que baixa o nivel da presa aínda son visíbeis os restos das antigas edificacións e o peirao do Portomarín orixinal.

As pontes lévannos até a vila de Sarria, cabeceira dunha comarca extensa que bebe tamén das influencias e da súa posición como poboación de paso no camiño cara a Compostela, que foi na Idade Media motor para a construción de hospitais, ermidas, pontes e mesóns.  

Unha vila que lle debe a súa relevancia en parte á chegada do ferrocarril a finais do século XIX, así como á apertura da estrada de Lugo a Valdeorras en 1850 e á súa relación co sector gandeiro, feitos que potenciaron o comercio e a saída dos produtos naturais. 

Sarria chega a destacar no século XX por ser unha potencia na fabricación de móbeis. Até a actualidade, un momento no que a vila se mantivo como un núcleo que irradia influencia sobre unha ampla e rica comarca do rural galego.