Bombeiros e policías tiveron que exercer de médicos cun paciente que finalmente faleceu tras demorarse a ambulancia en Ponteareas

Centro de saúde de Ponteareas.
O Goberno local demanda explicacións aos responsábeis da xestión do centro de saúde, situado a só 500 metros da vivenda do falecido.

A falta de persoal sanitario, bombeiros e policías tiveron que practicar as manobras de reanimación, durante máis de media hora, a un veciño do centro urbano de Ponteareas (comarca do Condado) que sufriu un infarto e que finalmente faleceu na tarde da pasada segunda feira, día 27. Os médicos non chegaron a tempo porque "non había ambulancia" dispoñíbel no centro de saúde desta localidade, polo que tivo que mobilizarse un vehículo medicalizado desde A Cañiza (A Paradanta).

Así o evidencian os informes médicos e policiais solicitados polo Concello de Ponteareas, que agora exixe explicacións á coordinadora do centro de saúde do municipio "pola falta de ambulancia e o atraso na atención" a esta persoa. "En ambos os dous informes constátase que a Policía Local e os bombeiros estiveron durante media hora realizando labores de reanimación do paciente pola ausencia de servizos sanitarios que, cando chegaron, só puideron certificar o falecemento", apuntan desde o consistorio.

"Todos os feitos relatados no informe da Policía Local e no propio informe do persoal médico resultan preocupantes e requiren dunha información clara e transparente para coñecer en toda a súa extensión o acontecido", incide a alcaldesa, a nacionalista Cristina Fernández, no escrito remitido aos responsábeis do ambulatorio, dependente do Sergas.

Se ben a ambulancia tivo que percorrer uns 26 quilómetros desde A Cañiza, a rexedora lembra que o centro de saúde ponteareán fica a só "500 metros" da vivenda da persoa falecida. "É dicir, a dous minutos en vehículo e cinco camiñando", precisa.

Por todo isto, Cristina Fernández entende que "desatender durante máis de media hora unha emerxencia grave debe ser obxecto de explicacións e, no seu caso, depuración de responsabilidades". A alcaldesa trasladou as súas condolencias á familia do falecido.

O pasado verán un home faleceu en Lalín tras demorarse a ambulancia

Non é a primeira vez que se produce un suceso semellante na Galiza. O pasado verán, de feito, trasladáronse diferentes casos. Até 50 minutos tivo que esperar en xullo un octoxenario residente en Lalín (Deza), por unha ambulancia, solicitada para tratalo por unha emerxencia sanitaria. Finalmente, se ben o vehículo sanitario chegou até o fogar do ancián cando este seguía con vida, acabou falecendo poucos minutos despois, xa no interior da ambulancia.

Aquilo aconteceu o domingo 10 de xullo. Ao día seguinte, un paciente de 84 anos residente en Sanxenxo tivo que agardar até 20 horas para ser trasladado en ambulancia. E de forma paralela, unha nena de só doce meses, cuxo prognóstico era "moi grave" após sufrir un traumatismo craneoencefálico, non recibiu a ambulancia até pasada unha hora da solicitude.