Ponteareas apresenta a estratexia "Habitat saudable", o seu modelo de futuro

Un momento da apresentación

Insírese na EDUSI (Estratexia Urbana de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado], subvencionada con 5 millóns de euros polos Fondos Feder.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas (BNG), apresentou este sábado a estratexia "Habitat saudable" nun acto en que estivo acompañado polo rexedor de Pontevedra, o tamén nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, ben como tamén polo responsábel do proxecto, o arquitecto Luciano González Alfaya, e unha nutrida representación de asociacións e colectivos sociais de todo o concello.

 

Que tenciona "Ponteareas. Habitat saudable"? Pois basicamente elaborar unha "verdadeira Estratexia de Planificación Urbana co horizonte fixado no ano 2030", segundo explica o concello de imprensa. Aliás, o deseño da devandita estratexia é conditio sine qua non para Ponteareas optar aos fondos FEDER da EDUSI.

 

"Habitat saudable" identifica as debilidades e as fortalezas de Ponteareas e propón unha rota de futuro para minimizar aquelas e potenciar estas. Entre as primeiras sobrancea, indica o concello, "a deficiente estrutura da administración local; o deterioro da forma urbana pola falta de planificación urbanística, enerxética e de mobilidade; a escasa consideración da paisaxe (entendida como hábitat) e a precariedade da economía local".

 

Canto ás fortalezas consígnanse as seguintes: "posición estratéxica na comarca, alta densidade de poboación, contorna medio-ambiental moi rica, segundo concello galego con maior poboación inferior a 20 anos...".

 

Identificadas as eivas e as potencialidades, "Habitat Saudable" deseña 12 liñas de actuación que "van desde o desenvolvimento sostíbel á revitalización da economía pasando pola implantación de sistemas de aproveitamento de biomasa, a recuperación de zonas verdes, a inclusión activa e a loita contra a discriminación, a mellora da administración local através das TICs, a mellora da eficiencia enerxética e mobilidade sostíbel, a mellora do patrimonio e a contorna do río Tea, o apoio ao comercio e a mellora do casco vello".