Máis

A ponte de unión en Tui

A ponte de Tui (Baixo Miño) é de carácter interestatal e permite que coches e ferrocarrís salven o caudaloso Miño. (Foto: N. Lecoz)
A conexión das dúas beiras do río Miño.

Ademais da grande importancia e historia que sempre tivo a cidade de Tui (Baixo Miño), un dos maiores acontecementos que presenciou a vila tudense foi a unión con Portugal sen necesidade de coller o barco. Entre Crecente (A Paradanta) e A Guarda (Baixo Miño), na chamada Raia húmida non existían pontes. O pronunciado caudal do río Miño e as impostas contendas históricas entre ambas as beiras non contribuíron a unha conexión fluída máis que por distintas ‘pontes de barcas’ nas poboacións perto do leito do río. Coa intención de unir o ferrocarril por estas dúas terras ao carón do Miño, no ano 1864 foi aprobado o proxecto que contemplaba a construción dun viaduto.

As discrepancias de cal sería a mellor localización para esta obra de enxeñaría non remataron até 1879. A unión histórica das poboacións de Tui e Valença (Portugal) foi a motivación da súa posición actual. Para axudar á converxencia destas vilas, a ponte, ademais do tren, sería realizada para o tránsito peonil e das carruaxes. Optouse por un deseño ‘elegante e resistente’, perto do estilo usado na época polo enxeñeiro francés Gustave Eiffel. En 1884 rematou a obra e o 25 de marzo de 1886 foi a súa apertura co ‘bico dos trens’, a unión simbólica de dúas locomotoras que se achegaron para simular un bico en riba da ponte. Desde este momento, esta ponte condensou todo o tráfico terrestre sendo un lugar de moita actividade e movemento.

A ponte é unha estrutura que mestura a pedra, traída do norte de Portugal, e o aceiro. Ten unha lonxitude de 399 metros e cinco tramos continuos que salvan o paso do río. No caso de guerra, a ponte estaba dotada de cavidades para ser reenchidas con pólvora e derruír o viaduto se fose necesario. O tren localízase na plataforma superior polo fume que botaban as máquinas ferroviarias da época. O deseño de celosías metálicas outorga a posibilidade de protexer o paso dos vehículos mais tamén de luminosidade. En 1898 foi dotado de luz artificial para as travesías nocturnas. Polos seus lados, até a apertura do ‘Espazo Schengen’, dous postos de vixilancia aduaneira encontrábanse para o control de paso.