A obra ten un orzamento de 400.000 euros

Unha ponte desde a vila até a porta da igrexa

Imaxe das obras á beira da igrexa de Xares, na Veiga. (Foto: Serxio Peillet)
A construción, que pretetende unir as dúas ribeiras do Xares, na Veiga, consta dunha ponte e entre dous e tres metros de altura que chega até o adro dunha igrexa datada en 1010.

A igrexa de Santa María de Xares está, segundo recolle a web institucional de Turismo, “nunha paraxe natural de grande beleza á beira do río Xares”, e dátase no ano 1010.

Pero nin a paisaxe, nin un milleiro de anos en pé parecen razóns de peso para levar a cabo unha política de obras pública respectuosa co patrimonio cultural e natural.

Así se desprende de varias imaxes de denuncia que circulan polas redes sociais e nas que se ve como a construción dunha ponte, necesaria para comunicar as dúas ribeiras do Xares (dun lado a vila e doutro a igrexa).

O alcalde da Veiga, Juan Anta, comentaba no seu momento que esta era “unha obra moi reclamada pola veciñanza”, xa que a xente, maior, se vía na obriga de dar un rodeo de medio quilómetro para chegar desde a vila até a igrexa, debido ao deterioro da pasarela antiga que cruzaba o Xares.

 A obra tamén contemplaba a recuperación “da antiga ponte” que comunicaba as dúas beiras e que se destruíu nunha riada. Máis á vista das imaxes, non só non se recupera construción anterior senón que  a nova ponte se introduce no adro mesmo do templo.

A obra asinouse hai tres anos e dotouse dun investimento total de 400.000 euros, de tal modo que la Deputación de Ourense achegou 140.000 euros a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) sufragou 200.000 euros, e o Concello da Veiga investiu 60.000 euros.

Segundo se declaraba naquel momento revisaríanse “os elementos etnográficos asociados ao río, actuando para a súa conservación e mantemento.