Ponte... nas ondas!

As escolas celebran o Día Mundial da Radio

O 13 de febreiro conmemórase o Día Mundial da Radio

Esta cuarta feira 13 de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio, declarado pola UNESCO no ano 2013. Este ano ademais súmase á celebración do Día da Paz. A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas convidou centros de todo o ámbito da lusofonía a produciren contidos para esta data.

No ano 2013 a UNESCO estabeleceu o 13 de febreiro como Día Mundial da Radio para conmemorar o nacemento da radio das Nacións Unidas en 1946. A temática elixida este ano é a paz, polo que as celebracións coinciden co Día da Paz, que se celebra todos os 30 de xaneiro.  

 

É por iso que a plataforma Ponte… nas ondas, que organiza xornadas radiofónicas con alumnado de Galiza e Portugal, preparou unha programación especial para o día centrada na paz e na figura de Xesús R. Jares, profesor da Universidade da Coruña e investigador en materia de convivencia. Por volta de 40 centros educativos realizaron podcasts para esta celebración que estarán dispoñíbeis na web desde as 10 da mañá da cuarta feira 13 de febreiro.

 

A programación galega para a xornada recolle, entre outras, a retransmisión do acto de entrega da II edición do premio “Recoñecemento Suso Jares”; emisións en directo dos IES Pedras Rubias de Salceda Caselas e o CPR Jorge Juan Xuvia de Narón; a emisión de Radio Coruña desde o CEIP Raquel Camacho, en conmemoración polos 50 anos do centro; a emisión en Onda Cero Vigo dun programa feito por alumnado do CEIP Otero Pedrayo e, na Radio Municipal de Tui, dos centros CEIP Carlos Casares de Alxén (Salvaterra de Miño), o Agrupamento de Escolas de Valença do Minho e o IES Terra de Turonio de Gondomar.



Fóra do país, o IES Lostau Valverde de Valencia de Alcántara de Cáceres, na raia de Extremadura; Radio Trovadoras do Brasil; a Radio Universitaria do Minho de Braga; Radio Internacional de Odemira en Portugal ou o pianista internacional Mario Mora, director da emisora Radio Clásica FM, tamén colaboraron co programa.