Ponte... nas Ondas! participa na 7º Convención da Unesco sobre o Patrimonio Cultural en París

Crianzas participando no Día Mundial da Radio 2018, unha actividade proposta pola UNESCO.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas!, promotora de actividades culturais e educativas entre Galiza e o norte de Portugal, vai participar en París na 7º Sesión da Unesco sobre patrimonio cultural inmaterial.

Os vindeiros días 4, 5 e 6 de xuño unha delegación galego-portuguesa formada por profesionais da ensinanza xunto co antropólogo da Universidade Fernando Pessoa do Porto Álvaro Campelo, presentarán en París as actividades desenvolvidas neste Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Esta equipa representará Ponte...nas ondas!, asociación educativa e cultural para a promoción da cultura galego-portuguesa e única entidade galega participante nesta 7ª Sesión da Asamblea Xeral dos Estados parte da Convención de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

 

Na sede da Unesco en París as ONGs acreditadas poderán expor cadanseu traballo, todos eles relacionados co patrimonio inmaterial. Ponte... nas ondas! fará o propio partillando as actividades realizadas nos centros educativos de Galiza e Portugal ao abeiro do Ano do Patrimonio. Aliás, a entidade presentará o libro-disco-DVD Na ponte, traducido ao inglés, castelán e portugués, e que fai un repaso pola traxectoria desta asociación ao longo dos seus 23 anos de vida.

 

Ponte… nas ondas! está conformado por un equipo de persoas, escolas, universidades e institucións da Galiza e de Portugal que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo. O traballo desta asociación significa a construción dunha ponte de intercambio cultural entre os dous territorios que se traduce na posta en marcha de actividades a nivel educativo que pulan pola conservación da identidade común. Exemplo disto é o VIII Encontro de Xogos Tradicionais que se celebrará o vindeiro 8 de xuño en Melgaço, un evento que xunta á mocidade das dúas beiras con profesionais do patrimonio lúdico galego-portugués.