A primeira actividade levada a cabo por Ponte... nas Ondas! cumpre hoxe 26 anos

Ponte... nas Ondas! celebra o seu 26 aniversario coa candidatura a Patrimonio Inmaterial da Unesco

CEIP García Barbón (Foto: Ponte nas Ondas)

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! vén de presentar a súa candidatura para estar inscrita no rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural e Inmaterial da UNESCO, unha boa forma de celebrar o 26 aniversario da asociación

Hoxe, 29 de marzo, fanse 26 anos da inauguración da ponte entre Salvaterra do Miño e Monção. Nese mesmo día, 15 centros educativos de ambas as beiras do río levaron a cabo a primeira “Xornada Experimental de Radio Interescolar” que consistiu na realización dun programa de radio transfronteiriza de 13 horas. O éxito do experimento deu pé á continuidade das actividades conxuntas entre o alumnado galego e portugués na iniciativa educativa Ponte... nas Ondas! (PNO!), que leva activa desde 1995.

O obxectivo de PNO! sempre foi, e segue a ser, fomentar a comunicación entre Galicia e Portugal, facendo especial fincapé na preservación, difusión e transmisión do patrimonio común, mediante a realización de diferentes actividades como mostras de patrimonio, concursos escolares de recollida do patrimonio oral, congresos, xornadas pedagóxicas, encontros con persoas portadoras, etc.; así se recolle na súa propia páxina web.

Ponte... nas Ondas! candidata no Rexistro das Mellores Prácticas co Patrimonio Cultural e Inmaterial da UNESCO

Xa no 2004 Ponte... nas Ondas! presentara a primeira candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués promovida desde os centros educativos ante a UNESCO; pero foi neste mes de marzo de 2021, no 26 aniversario do nacemento da asociación, cando consegue presentarse como candidata no Rexistro das Mellores Prácticas co Patrimonio Cultural e Inmaterial da UNESCO.

A candidatura, anunciada polo propio Ministerio de Cultura a través das súas redes sociais, foi asinada conxuntamente polos embaixadores portugués e español, António Nóvoa e Juan Andrés Perelló Rodríguez, na propia institución da UNESCO.

Consolídase así o seguinte paso do proceso que comezaran a Comissão Nacional da UNESCO de Portugal, o Ministerio de Educación y Cultura de España e a Xunta de Galiza tres anos atrás, co que pretendían promover a PNO! ao rexistro das mellores prácticas de salvagarda co PCI; unha proposta de candidatura que hoxe xa é unha realidade.

A inscrición de Ponte... nas Ondas! na UNESCO resultará un avance moi positivo para a asociación e para as súas propias actividades, deseñadas no territorio da Galiza – Norte de Portugal. Porén, non será até o mes de novembro do próximo 2022 cando remate o proceso de tramitación para a inscrición de PNO! no Rexistro das Boas Prácticas co PCI.