Poñer 2019 en perspectiva

Mobilización do pasado 8 de marzo (GZ Contrainfo)
Verín e as mobilizacións das mulleres contra o peche do paritorio e as urxencias pediátricas do seu hospital comarcal son, neste 2019 que remata, exemplo de loita cívica capaz de sumar, desde unha perspectiva de xénero, a defensa dos dereitos sociais, dos servizos públicos e dun modelo de país en risco permanente de desmantelamento. En Sermos Galiza facemos balance do ano coa vista posta nas mulleres.

Foron miles as que saíron á rúa en cidades e vilas para vindicar equidade neste 8M e clamar o 25N polo fin das violencias que baten contra as mulleres nas relacións afectivas e familiares, nos espazos de ocio, na sanidade, na administración, nos centros de traballo e nos salarios, na xustiza. Nun 2019 que apuntou co dedo quen son os violadores e no que a conta insoportábel dos feminicidios suma outros cinco nomes: o de María José Aboy Guimarey (Valga, 10 de marzo), o de María del Carmen Vázquez Cereijo (Vilalba, 21 de xullo) e os de Sandra Boquete Jamardo, Alba Boquete Jamardo e María Elena Jamardo, asasinadas polo ex marido da primeira das tres mulleres o 16 de setembro en Valga.

O ano no que o termo “feminicidio” quedou finalista na votación anual que organiza o Portal das Palabras –a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié– foi tamén o do xuízo e a sentenza por un dos crimes de xénero máis mediáticos, malia non ser recoñecido como tal pola lei estatal: a agresión sexual e o asasinato da moza Diana Quer, polos o que o seu responsábel, José Enrique Abuín Gey, coñecido como O Chicle, cumpre unha condena de prisión permanente revisábel. O proceso xudicial e, en concreto, o seu tratamento nos medios informativos e de lecer foi obxecto de análise e crítica da asociación Xornalistas Galegas, que advertiu do exceso de sensacionalismo e falta de perspectiva de xénero que aínda existe na cobertura de este e o resto de informacións vinculadas coas violencias machistas

O feminismo deixa pegada na axenda política

Malia o deficiente rigor dos medios á hora de comunicar os efectos do orde patriarcal do que nos advertiron as expertas, hoxe parece innegábel a influencia do ideario feminista na sociedade e tamén na axenda política galega, no peor dos casos como medida estética: non é casual que este ano, por vez primeira, as medallas Castelao que concede a Xunta para distinguir o traballo de galegos e galegas fosen integramente a mulleres, cando historicamente foron eles os destinatarios maioritarios, con cinco de cada seis destes galardóns. Pero tamén foi este o ano en que a comisión de estudos para a igualdade e para os dereitos das mulleres do Parlamento galego concluíu o traballo iniciado en 2014 para a aprobación dun documento de mínimos que pretende ser a base do Pacto galego contra as violencias machistas. 

Galiza foi, nas eleccións estatais do pasado 10 de novembro, un dos escasos muros de contención ao discurso ultradereitista e negacionista da violencia de xénero que representa Vox: o escano que disputaban pola Coruña devolveu finalmente o BNG ao Congreso e tampouco nas eleccións municipais de maio logrou introducir representantes en ningún concello. Aínda así, son numerosos os exemplos de posicións retrógradas e reaccionarias contra o avance do feminismo e as súas reivindicacións; saídas de ton como a do párroco de Zas, que chamaba hai poucas semanas “manda de porcas” e “violadoras” ás integrantes do movemento feminista, ou a do mozo de Novas Xeracións –posteriormente apartado– que este mesmo mes irrompía en Compostela nunha das multitudinarias representación da acción ‘Un violador no teu camiño’ para mandar as mulleres participantes “a casa a facer a cea”.

Este 2019 non estivo tampouco exento de conflito dentro do propio movemento feminista galego, en cuestións de fondo, como o posicionamento sobre a prostitución, nun enfrontamento que levou en setembro a Universidade da Coruña a censurar e cancelar unha xornada que daba voz a traballadoras sexuais, e que finalmente tivo lugar nun centro social da mesma cidade. Posicións que, sen embargo, unifícanse á hora de enfrontar decisións como a do alcalde de Ourense, hoxe no aire, de retirarse do sistema VioGén de atención ás vítimas de violencia machista ou de enfrontarse en común á decisión da Xunta de deixar Verín sen nacementos