Políticas para os maiores: servizos de titularidade e xestión pública

Marcha residencias e servizos públicos (Arxina)
Pór fin ao negocio coa saúde e os servizos sociais é a principal demanda dos colectivos relacionados cos maiores ao futuro Goberno da Xunta da Galiza

A  política de ceder a xestión das infraestruturas públicas da dependencia ás empresas privadas centra as críticas dos colectivos consultados por Nós Diario, que apostan por redefinir os servizos sociais cara a un modelo "100% público", é dicir, da titularidade da Xunta e cunha xestión desde o público.

Neste sentido, coinciden na necesidade de contar con residencias de maiores con menos prazas e desbotar os centros con 150 usuarios. Así, Francisco V. Vizoso salienta tamén que "os servizos de atención no fogar deben ser unha prioridade real para todas as Administracións, e isto debe concretarse no incremento do seu financiamento e en avanzar na súa remunicipalizacion".

Desde Rede apuntan aos cambios lexislativos como base para o novo camiño: "Convivimos cun guirigai espantoso de normativas, ordes, decretos, meros parches dunhas normas orixinais obsoletas que manan do século pasado. Na nova lexislación teñen que estar representados os actores principais, entre eles usuarias e familias, deixadas de lado nesta pandemia". Por outra banda, Vizoso engade que a Inspección deberá ser un instrumento que "contribúa a mellorar a calidade da atención á dependencia".

Francisco V. Vizoso: "Un servizo galego de atención pública á dependencia é prioritario"

Portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen) 

"A principal lección que deberían tirar os que gobernen na próxima Xunta do que pasou nas residencias nesta primeira vaga da COVID-19 é que hai que comezar unha nova etapa na abordaxe das políticas dirixidas aos maiores e dependentes na Galiza", afirma Vizoso, para engadir que "avanzar na construción dun servizo galego de atención pública á dependencia debería ser a tarefa prioritaria" da futura Xunta. Para Vizoso o Goberno "debe comezar unha política activa de construción de residencias públicas, pois desde hai máis de 10 anos non se crean novas residencias de iniciativa e xestión pública", que se afaste do modelo de "macro residencias" e aposte pola "atención personalizada". 

Paulino Campos: "Feixoo fixo un papel comercial a prol dos intereses das xestoras"

 Presidente de Rede, a Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias

"O principal desexo de Rede é que non volvan rexir os destinos dos maiores na Galiza os homes e as mulleres que estiveron na primeira líña gobernamental durante a pandemia e na última lexislatura, comezando polo presidente da Xunta, que fixo un papel fundamentalmente comercial a prol dos intereses económicos das xestoras e grupos que dominan, sen escrúpulos, o espazo dos servizos asistenciais e residenciais para maiores e dependentes neste país", salienta Campos, que ve necesaria unha "Lei orgánica de protección dos dereitos das persoas maiores" a nivel estatal e que desenvolva unha "Lei de residencias" na Galiza, coas competencias transferidas. 

Maribel Barreiro: "A privatización dos servizos sociais non funcionou"

Portavoz do colectivo de Traballadoras das Residencias Galegas (TreGa) 

"Hai que reformular a privatización dos servizos porque non funciona en todo o Estado. Aquí, nas residencias públicas non houbo practicamente casos de COVID-19, ao contrario do que pasou nas privadas", sinala Barreiro, que destaca a necesidade de "crear prazas públicas" nos centros de maiores pola situación demográfica. "Cos Gobernos de Feixoo en 11 anos non se creou ningunha", indica. Ademais, apunta a residencias de menor capacidade e máis específicas: "Debería haber unidades de saúde mental para persoas maiores por un lado, por outro centros para persoas con dependencia física e non deterioro cognitivo, e outros lugares para persoas que acoden por emerxencia social".

Elvira Iglesias: "Servizos 100% públicos. A costa  da saúde ninguén se ten que facer rico"

Representante do colectivo de xubilados, xubiladas e pensionistas da CIG

"A nosa petición é a que levamos facendo anos: os servizos sociais teñen que ser públicos e non privados para que uns sexan ricos", explica Iglesias, que reclama un mellor servizo de atención no fogar e axudas para familiares que atenden dependentes. "Feixoo non só privatizou, vendeu as residencias a fondos voitre como DomusVi. As residencias precisan ter o persoal suficiente e ser 100% públicas. A costa da saúde ninguén se ten que facer rico", engade, para apuntar que na central sindical están a debater sobre a necesidade de "repensar" as dimensións dos centros de maiores. Para Iglesias, o actual Goberno "ten que darse conta de que a sanidade privatizada causou un gran problema coa COVID-19".