María Xosé Abuín

"Na Galiza a sanidade mantén a calidade grazas ás traballadoras/es do sistema público"

María Xosé Abuín

Falamos con María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, no Venhan Máis Cinco de hoxe.

-Como avalías o estado actual da sanidade galega?

 

-Unha sanidade que mantén os niveis de calidade polo esforzo que están a realizar as traballadoras/es do sistema público. Un goberno do Partido Popular, máis preocupado por facer negocio coa sanidade pública que por continuar a manter o dereito universal e a equidade no acceso para que todas as persoas teñan as mesmas prestacións sanitarias, independentemente de onde vivan.

 

A sociedade non pode permitir que nos rouben un dos dereitos esenciais como é ter unha sanidade pública, universal e de calidade.

 

-Que evolución agardas da sanidade galega a cinco anos vista?    

 

-Na Galiza as políticas do PP provocan un crecemento vexetativo negativo, polo que a poboación será cada vez máis vella. Haberá que prestar unha especial atención á cronicidade, ás/aos doentes pluripatolóxicos. Neste contexto terán maior espazo os servizos sociosanitarios, que é onde o PP está a privatizar.  Os recortes nos orzamentos están a producir que se convoquen menos prazas de médicas/os e enfermeiras/os especialistas para garantir, cando menos, a reposición das xubilacións que se producen. Se isto non se corrixe, deteriorarase a calidade da asistencia que se presta na atención primaria, xa que os profesionais terán asignados un número de doentes que lles impida dar unha asistencia de calidade. No ámbito hospitalario incrementaranse as listaxes de espera, e a solución do PP serán os copagamentos para disuadir as persoas a que acudan aos centros hospitalarios, sanidade de ricos e pobres.

 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-Que continúe a dar unha información veraz do que acontece  para que a sociedade galega poda ter un medio que defenda os intereses do noso país, nomeadamente nun tema tan esencial coma é o dereito a termos  unha sanidade pública. Que continúe a pór en evidencia o PP, que goberna con titulares de prensa que o único que pretenden é enganar a sociedade.