Sermos 263

Unha política de retallos máis agresiva marca o comezo do curso escolar

Nenos e nenas no primeiro día de clase

Nais e pais das Pontes levaron á consellaría até o Tribunal Superior de Galiza, o curso pasado rematou nun disparate coas “reorganizacións” en catro centros do país, as ANPA non foron escoitadas e os profesores están abatidos. A actitude da Consellaría de Educación anuncia unha política de retallos máis agresiva: primeiro decídense os feches e logo establécense os criterios. A espada pendura sobre todos os centros.

Na Galiza hai un colexio menos. O Emilio Navasqüés en Outes (Coruña). Fechouno a Consellaría de Educación malia a que
a matrícula crecera até os 73 alumnos. Avisaron o día anterior ao remate do curso escolar. Pasou o mesmo no colexio Monte Caxado (As Pontes), no Ribeira (Porriño) e no Tomás de Lemos (Ribadavia). Avisaron aquel día dunha “reorganización”. Habería alumnado desprazado a outros centros, aulas que quedarían baleiras, prazas de profesorado suprimidas, novos currículos, novos horarios, novo material que faría inservíbel o vello. Ás ANPA e aos claustros colléronos por sorpresa. Non houbo consulta e a información posterior déuselles aos poucos. Nas Pontes armouse unha revolta en menos de 24 horas. Pero Román Rodríguez non compareceu no Parlamento até o 11 de xullo, o mesmo día en que as nais e os pais e moitas docentes do Monte Caxado chegaron en manifestación até A Coruña.

​Aquela tarde –mentres Juan José, director do Monte Caxado, chantaba o cu no asfalto para dicir que do colexio non os ían botar– o responsábel da Educación, que tres semanas antes agochara información ao Parlamento, improvisaba eufemismos para xustificar por que levara a incerteza ás familias e ao profesorado. “Un globo sonda”, din os sindicatos, que temen unha política máis agresiva de retallos.

 

[A íntegra desta reportaxe, unha dupla páxina, aparece no Sermos Galiza 263, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]