A política orzamentaria galega afoga as universidades

As autoridade académicas con Alfonso Rueda no arranque do curso universitario. (Foto: Xunta da Galiza).

 Os graves problemas de financiamento volven pairar un ano máis sobre o sistema universitario galego. Neste sentido, as autoridades académicas aproveitaron a apertura do curso, que decorreu onte en Vigo, para reclamar á Xunta da Galiza máis recursos para facer fronte ás necesidades educativas e investigadoras. O mandatario galego, Alfonso Rueda, non deu resposta ás súas demandas.

O salón de actos da Facultade de Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo acolleu onte a apertura do curso do sistema universitario galego. O acto, en que tomaron a palabra o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, contou coa presenza dunha ampla representación do mundo académico, político e social da Galiza.

No seu discurso, Reigosa defendeu un modelo de financiamento plurianual para as universidades, co obxectivo de que poidan facer unha correcta planificación, e non estar ao azar de "incertezas". Na mesma dirección, demandou do Goberno galego un paquete de medidas que permitan "compensar" a conxelación de taxas universitarias vixente nos últimos 13 anos.

O reitor da Universidade de Vigo reclamou máis recursos para o sistema universitario galego e emprazou o Executivo galego e o estatal a incrementar o investimento, co obxectivo de que nunha década os fondos do ensino superior alcancen 2% do Produto Interior Bruto. Sinalou que este compromiso aparece recollido na Declaración de Lisboa.

"A Declaración de Lisboa debuxa a universidade que queremos", afirmou Reigosa, que defendeu unha universidade "comprometida, internacional, de calidade, coa investigación como peza chave, con autonomía e financiamento".

Nesta orientación, indicou que a Unión Europea aposta por aumentar de modo decido os recursos do ensino superior.

Por outra parte, lamentou que a Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), aprobada en marzo deste ano, aposte por achegar "só 1% do PIB" ao financiamento público das universidades. Nesta perspectiva, cualificou de “menos ambiciosa” a proposta do Goberno galego, na liña do denunciado con anterioridade por parte do reitor da USC, Antonio Reigosa, e do da UdC, Xulio Abalde.

Rueda reivindica o "esforzo"

Rueda non seu deu por aludido coa intervención do reitor vigués e reivindicou o “apoio ás universidades por parte da Administración galega para seguir mellorando a excelencia dun sistema universitario referente de calidade”, situadas nos “postos de cabeceira” das mellores do mundo, “algo que non é casualidade, senón froito de moito esforzo”.

Rueda salientou que “a universidade é o principal motor da investigación na Galiza, ao concentrar case a metade dos profesionais que exercen na comunidade”. Ao tempo, resaltou “a importancia de contar cun sistema de investigación forte para afrontar os retos da sociedade actual, como o cambio climático, a transición enerxética ou o avance da tecnoloxía”. Precisamente, os tres reitores galegos queixáronse repetidamente nos últimos anos da situación de precariedade na que se atopan as investigadoras e investigadores universitarios.