A política forestal centra un novo caderno da Fundación Galiza Sempre

Ramón Varela Díaz nunha captura de pantalla dunha entrevista a Cerna (Imaxe: Cerna).
O catedrático e doutor en Bioloxía Ramón Varela asina Eucaliptos e o forestal arado, que se presentará no Museo de Pontevedra o 27 de outubro.

O vindeiro 27 de outubro a Fundación Galiza Sempre presentará unha nova publicación dos seus cadernos de análise Ideas Impresas no Museo de Pontevedra.

Con Eucaliptos e o forestal arborado a entidade recupera esta iniciativa da man do catedrático e doutor en Bioloxía Ramón Varela Díaz, quen tamén presidiu Adega.

Na publicación,o autor fai un repaso do ordenamento forestal galego nos últimos anos, así como unha análise dos usos do monte e da madeira máis alá de ENCE.

No acto da presentación participarán o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernandez Lores, e mais a integrante da Fundación Galiza Sempre Lucía Veciño.

Varela Díaz, cando aínda presidía Adega, presentou a primeira Iniciativa Legal Parlamentaria (ILP) na defensa dun cambio no modelo forestal galego, para afastalo do munocultivo de eucalipto e piñeiro, que foi finalmente desbotada. 

O caderno forma parte da colección de análise Ideas Impresas, que a fundación está a relanzar cunha nova edición e deseño. O de Varela Díaz é o primeiro, seguido de A situación da ría de Ferrol, de Joam Luís Ferreiro.

Antes de que remate o ano sairán do prelo dous máis, un sobre a Lei de Memoria Histórica coordinado polo deputado Luís Bará e outro sobre Violencia de Xénero da man da profesora de filosofía Carme Adan.