A política forestal "á carta" de Ence deixa 25% do arboredo galego para o eucalipto

Plantación de eucaliptos na Fonsagrada aproveitando a moratoria da Xunta. (Foto: Europa Press)

O monte da Galiza adícase principalmente á extracción de madeira de eucalipto e piñeiro, acantoando outras posibilidades produtivas. Unha función extractiva que condicionou fisionomía e usos do monte mais tamén determinou social e economicamente o rural. E detrás, apuntan non poucas voces, Ence.

A Xunta presentou esta sexta feira a actualización da Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira, proxecto iniciado en 2019 con 125 millóns de euros na busca "da  xeración de maior valor na cadea monte-industria" da man de 350 pemes e conceptos como bioeconomía, sustentabilidade, emprego no rural e innovación. 

Unha liña que é apenas unha pinga no deserto no marco da política forestal que ao longo destes anos e décadas predominou na Galiza. “O PP sempre facilitou o tipo de política forestal baseada practicamente no monocultivo; outro tipo de apostas, como o de favorecer a biodiversidade, é máis unha pose mediática que unha posición estratéxica", aponta a Nós Diario Alberte Blanco, director xeral de Montes na Consellaría do Medio Rural entre 2005 e 2009.

A fin da presenza da factoría de Ence na Galiza é unha posibilidade real: tanto pola sentenza da Audiencia Nacional pendente de ratificar polo Tribunal Supremo, como pola intención da pasteira de non buscar outra  localización en territorio galego.  Isto convida a mirar cal foi o papel da empresa para co monte galego nestas décadas.

"Á demanda da pasteira"

O eucalipto ocupa xa 422.000 hectáreas de bosque, o duplo do que prevía a Consellaría  do Medio Rural para 2032. A 25% da superficie arborizada do monte da Galiza é de eucalipto e "a porcentaxe medrou e medrou á sombra da demanda de Ence, que é o principal comprador", como sinala a este diario Manuel Vázquez, enxeñeiro forestal. 

Desas 422.200 hectáreas, algo máis de 300.500 están compostas unicamente por esa especie.

Unha expansión ante a que mesmo retrocede outra especie de moito interese para a industria da madeira, o piñeiro. Os piñeirais retroceden 20% na Galiza na última década, 73.000 hectáreas de masas puras de piñeiro menos. Os  eucaliptais, mentres, aumentan 17.000 has.

Así pois, o eucalipto segue a ser 'rei e señor' na política forestal da Xunta, segundo explica Alberte Blanco: “O monte hoxe é froito de toda unha planificación. Desde o momento en que Ence, a finais dos sesenta, decide que o eucalipto vai ser a materia prima exclusiva da súa fábrica na ría de Pontevedra, hai unha potenciación desa especie que se reparte practicamente por todo o litoral”. "O PP facilitou o tipo de política forestal baseada practicamente no monocultivo", conclúe.

A técnica forestal Mariam Ferreira Golpe explicaba no seu día a Nós Diario  como houbo unha "expulsión" das actividades agrarias que se desenvolvían no monte, en favor da industria madeireira, e que ese é un dos factores que explica a situación actual do monte galego. “Hoxe conviven montes cun uso máis ou menos racional (os menos), outros nun estado de subexplotación e outros en situación de abandono”.

O economista Marcelino Fernández Mallo non dubida en pedir medidas tallante “O gran proxecto transformador da Galiza debería ser a substitución da plantación de eucalipto pola produción agraria".