Libro colectivo sobre a folga de mulleres de 2018

Sobre o poliedro feminista do 8M

Imaxe da folga feminista de 2018. Foyo: Contrainfo.

“Este é un libro sobre unha revolución que agromou un día que millóns de mulleres saíron á rúa e levaron consigo as fillas e as nais”. Así resume Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo (Galaxia, 2018) a súa coordinadora, a escritora Inma López Silva.

Trátase de oito ensaios redactados por oito autoras arredor das históricas mobilizacións que, o pasado 8M, anegaron as cidades galegas e do resto do Estado español. “Este libro pretendía ser unha memoria do 8 de marzo de 2018, pero é moito máis”, di López Silva no Limiar. Atravesados de experiencias individuais, con ramificacións na formación feminista de cada escritora, os textos pretenden “dar conta do pouso que deixou a onda feminista dese día en toda a sociedade galega”.

 

“Este conxunto de experiencias individuais desexaba amosar a revolución feminista como poliedro, como un cadro cheo de matices”, sinala a coordinadora. Unha empresaria, unha profesora, unha funcionaria, unha xuíza, unha matrona, unha escritora, unha estudante e unha xornalista achegan os seus traballos en resposta á seguinte solicitude remitida por López Silva: “Cóntanos o teu 8 de marzo de 2018 e as implicacións que cres que tivo para o teu pensamento como muller e para o movemento feminista”.

 

“Son mulleres cun pasado de descuberta intelectual, emocional e sexual vencellada coa vivencia intuitiva do poder do patriarcado sobre elas”, explica a coordinadora, que tamén contribúe co artigo Serán o que queiran ser. Mercedes Corbillón, Paz Filgueira, Ana Fresco, Sarai González Carrasco, Susana Iglesias Casás, Sandra Núñez Figueroa e Susana Pedreira completan a nómina.

 

A introdución a Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo remata cun aviso. “Este non é un libro para mulleres”, indica Inma López Silva, “é un libro deseñado para que calquera persoa que o lea entenda que o camiño imparábel que se iniciou en España en 2018 conduce a unha sociedade máis xusta. Pero sobre todo é un libro para homes. Son homes, maioritariamente, quen precisan ler estes relatos aos que case nunca poden acceder, porque é difícil que as mulleres teñamos voz para contarlles o que nos fan sentir”.

 

A Deputación de Pontevedra coedita o volume con Galaxia.