A Policía "reforzará a seguridade" as fins de semana en Compostela após os acoitelamentos

Lugar no que se produciu un dos acoitelamentos en Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma da Galiza, con competencia en menores, sumarase á Local e a Nacional nos dispositivos especiais de seguridade da fin de semana en Santiago de Compostela, tras os dous acoitelamentos ocorridos na última semana. Os dispositivos concretaranse "nos próximos días".

A Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma da Galiza, con competencia en menores, sumarase á Local e a Nacional nos dispositivos especiais de seguridade da fin de semana en Santiago de Compostela, tras os dous acoitelamentos ocorridos na última semana. Os dispositivos concretaranse "nos próximos días".

O primeiro incidente rexistrouse a primeira hora da mañá do día 2 de xaneiro, entre varias persoas na zona do Ensanche. Un dos implicados morreu no hospital o pasado día 5.

Da mesma forma, na madrugada deste domingo, foi acoitelado un menor de 17 anos, producíndose a detención doutro mozo de 23 anos residente na localidade de Ames.

O presunto autor dos feitos, non ten antecedentes e non está previsto que pase esta segunda feira a disposición xudicial.

"Casos illados"

Após os feitos, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, reuníronse esta segunda feira para analizar a situación e mandar unha "mensaxe de tranquilidade" aos veciños.

Quixeron, tamén, facer fincapé en que "son casos illados, a pesar de se produciren en datas moi próximas".

O BNG pide unha "resposta rápida"

A portavoz do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, pediu ao Goberno local de Compostela unha resposta "importante" e "rápida" após os feitos acontecidos no Ensanche.

Sanmartín quixo destacar a sensación de inseguridade que vive a cidadanía nestes días, e considera que "é fundamental unha maior e mellor coordinación", de forma que "haxa unha resposta importante por parte do Goberno respecto diso, de cuestións de violencia e tráfico de drogas, de temas que teñen que ver con problemas nas rúas", de maneira "moi particular" no Ensanche.

 "Son situacións que non se poden tomar como feitos illados", acrecentou.

O PP cuestiona a "ausencia policial"

Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, inquiriu a Bugallo a respecto da ausencia policial nas “zonas quentes” do concello de Santiago.

Así mesmo sinalou que “no Ensanche hai puntos concretos e horas específicas que levan xa moito tempo sendo perigosas, con denuncias, e advertencias de que os conflitos eran constantes noite tras noite, e sen reforzar nunca a presenza policial”, e despois do sucedido a madrugada do 2 de xaneiro, “sorpréndenos que seguisen sen facer nada, algo que terá que explicar o alcalde”.

Lecer nocturno seguro

O presidente de Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, explicou "que a situación non é agradábel", pero "Santiago é unha cidade cun lecer nocturno seguro".

Nesta liña, destacou que "a maioría de locais de lecer nocturno teñen tanto seguridade como porteiros" e "estes feitos son cousas que pasan máis aló de todo o que se pode vixiar".