“Policías feridos non vin, mais si mariñeiros cos ollos inchados e sangrando”

Imaxe da mobilización do cerco en Vigo. GZContrainfo

José Blanco é un dos 16 mariñeiros e armadores para os que a Fiscalía pide un total de 48 anos de cárcere por un protesto en Vigo no 2014. “O que nos fixeron á xente do cerco é indignante”.

Dezaseis mariñeiros e armadores do cerco serán xulgados en xullo polos incidentes acontecidos nunha manifestación do sector en Vigo en marzo de 2014. A Fiscalía pide para eles un total de 48 anos de prisión e acúsaos de disturbios, destrozo de mobiliario urbano e ferir tres policías. José Blanco, de Porto do Son, é unha das persoas encausadas.

- 48 anos de prisión pide o ministerio público para vós polo sucedido aquel día de marzo de 2014. Como lembras aquela xornada?

- A xente estaba moi queimada porque vía a ruína na porta. Se daquela nos din de ir a Madrid a pé imos sen pensalo, o que fixese falta. Había pouco que nos acababamos de enterar do reparto de cotas que decidiran en Madrid e a cousa estaba quente, claro. O primeiro que nos puxo en alerta foi o patrón maior de Portosín, que se decatou do pastel que nos viña enriba, reparou que era a ruína para o 80% da frota galega.

“Non somos vándalos, estabamos a defender o noso pan”

- Decidiron entón manifestarse en Vigo

- Non nos recibía nin atendía ninguén. Fomos a Vigo para ver de ter unha xuntanza, que nos recibisen, e nun primeiro momento parece que accedían pero despois, nada. A cousa comezou cando no peirao detiveron un rapaz de Cambados. Correuse a voz e fomos todos alí para interesarnos. A policía díxonos que agardásemos. Non nos deixaban saír do peirao. Agardamos unha hora ou así, pero nada, non sabiamos nada do rapaz. E acabouse montando un 'guirigai'.

- Acúsanos de disturbios e de ferir tres policías

- Eu non vin policías feridos nin nada diso. Pero si que vin mariñeiros cos ollos inchados e sangrando. Algúns compañeiros levados por ambulancias. Non somos vándalos, estabamos a defender o noso pan. Si que vin un contedor queimado, está mal, vale. Gostaríame ver que facían todos eses que teñen salarios de 3.000 euros ao mes se llo quitan.

Fomos despreciados. Estivemos tres meses acampados ao pé da Xunta e non foron quen nin de interesarse, non nos recibiron

- Que agardan do xuízo, que finalmente vai realizarse en xullo. Confían en saír sen condena?

- Confiamos en que todo acabe ben. Se temos que pedir perdón, pois, ben, pídese. Eu nunca fora a unha manifestación. Dinnos que na de Vigo on pedimos permiso pero é que non sabiamos nin que había que pedir permiso. Para as seguintes xa si que o solicitamos. Eran momentos moi fodidos, a xente vía que estaba en perigo o pan das súas familias.

- Após aquela mobilización o cerco seguiu cos seus protestos e nalgúns deles volveu haber incidentes...

- Incidentes? Nestas cousas sempre pode haber algo... pero na gran maioría non pasou nada, foi todo pacífico. Hai que ter en conta que eran tempos nos que a Xunta non nos recibía para intentar buscar unha solución a un problema que ameazaba a centos de familias. E cando nos recibiu a conselleira foi tarde, mal e arrastro.

Até 2012 non había ningún problema. Foi a partir de aí, do reparto que fixo Madrid nese ano, cando comezou todo este sarillo

- O sector sempre foi moi crítico coa actitude que a administración galega tivo durante todos estes meses

- Fomos despreciados. Estivemos tres meses acampados ao pé da Xunta e non foron quen nin de interesarse, non nos recibiron. O que nos fixeron á xente do cerco é indignante.

- Tras dous anos de mobilizacións e loita, como está a situación agora?

- Até 2012 non había ningún problema. Foi a partir de aí, do reparto que fixo Madrid nese ano, cando comezou todo este sarillo. Agora temos o recurso na Unión Europea polo reparto das cotas. Confiamos en que todo saia ben porque non temos nada. A ver se ao final hai algo de sentido común e se resolve isto. A frota non pode seguir así: cerqueiros ricos, cerqueiros pobres e cerqueiros arruinados. Eu o medo máis grande que teño é que poida rachar a unidade que hai en Acerga (Asociación galega de armadores do cerco).Hai uns barcos que achegan parte da súa cota a outros que non teñen tanta, para que poidan ir tirando. Pero iso non se pode manter así sempre, porque queima moito. A ver se hai solución xa.

Imaxes: GZContrainfo