A policía vixiará que pubs e discotecas que anunciaron o peche non abran entre esta noite e o día 3

Unha parella de policías revisan a capacidade dunha terraza, en Santiago, nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)

Axentes da Policía española, Garda Civil, axentes locais e efectivos da ‘Policía Autonómica’ vixiarán "expresamente" que aqueles locais que se acolleron as axudas polo peche do seu establecemento permanezan realmente pechados entre esta noite e o 3 de xaneiro.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, reuníronse con representantes das forzas e corpos de seguridade para coordinar o dispositivo de control das medidas de prevención contra a Covid, tendo en conta as restricións aprobadas polo comité clínico e as acordadas nas reunións con representantes da hostalería e o do lecer nocturno.

Policías nacionais, gardas civís, axentes locais e efectivos da Policía Autonómica "vixiarán, expresamente, que aqueles locais que se acolleron as axudas polo peche do seu establecemento permanezan realmente pechados entre esta noite e o 3 de xaneiro", sinala a Xunta nun comunicado.

Santiago Villanueva dixo que o peche non se reduce á noite ou ao horario no que previamente ían celebrar festas e cotillóns, senón que debe manterse as 24 horas dos días sinalados.

Na reunión mantida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) acordouse estremar os controis nas datas de Fin de Ano e Reis para garantir o cumprimento das restricións aprobadas no último comité clínico, e que se estenden desde esta noite ata o 18 de xaneiro do 2022.

"Entre outras cuestións, os axentes vixiarán que se cumpran os horarios da hostalería e do lecer nocturno, a necesidade de pedir o certificado covid nestes locais ou a prohibición de celebrar festas privadas nestas datas ou botellóns, que están prohibidos".

Entre as novas medidas decretadas até o 18 de xaneiro destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 horas da madrugada, e do ocio nocturno, ás 3 horas. No caso da hostalería e a restauración, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura ata as 01 horas.

Ademais, será obrigatorio solicitar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día, e tamén a volta da prohibición de consumir nas barras dos locais. Recórdase, ademais, que os locais deben estar ventilados e cumprir todas as normas sanitarias decretadas para o sector, así como respectar os límites de ocupación e o número de comensais por mesa.