Policía e Protección Civil repartirán mascarillas entre as usuarias do transporte público

Axentes de Protección Civil de Celanova, exercendo tarefas de desinfección (Foto: Europa Press).

Integrarán o sistema de repartición de máscaras aproximadamente 350.000 persoas.

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, vén de anunciar en rolda de prensa telemática que serán os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, as policías locais, as municipais e os membros de Protección Civil os que repartirán, a partir do próximo día 13 de abril, as máscaras que recomendan para a cidadanía “que non teñan máis remedio que saír á rúa para ir traballar e teñan que facelo en transporte público”. En total repartiranse 10 millóns de máscaras no conxunto do Estado español.

Así o apuntou o ministro do Interior tras a intervención do seu compañeiro de Sanidade, Salvador  Illa, sobre as circunstancias que rodearán a volta á actividade o vindeiro luns dos traballadores daqueles servizos non esenciais.

Serán tamén os axentes -que se mobilizarán xunto aos interinos, segundo o ministro- os que vixíen que entre os cidadáns que utilicen o transporte público se respecta a distancia de seguridade que recomendan as autoridades necesarias.

Non se relaxan as medidas

"A repartición de máscaras é só un apoio das medidas de protección da saúde", segundo  Marlaska, quen advertiu que a etapa que empeza o luns non supón unha relaxación das medidas de limitación de movementos que se estabelecen no artigo 7 do Real Decreto de Estado de Alarma.

Neste punto, sinalou que o uso da máscara é recomendable, non obrigatorio, e "se alguén non a quere poñer, pois non a pon", pois o único ao que o cidadán está obrigado é a cumprir son as restricións de mobilidade apuntadas no Real Decreto.

A preguntas dos xornalistas, respondeu que as forzas da orde detectaron unha lixeira relaxación por parte dos cidadáns, á que restou importancia, subliñando que o importante é manter o cumprimento das medidas adoptadas.

Integrarán o sistema de repartición de máscaras, entre axentes e persoal de Protección Civil case 350.000 persoas.