María Costas, filla dunha das vítimas en Chandebrito dos incendios de outubro

“Se a Policía non as evacuase, estarían vivas. É un insulto que a premien”

Chandebrito en Nigrán, onde faleceron dúas das catro vítimas da vaga de incendios forestais de emdiados de outubro. EFE/ Salvador Sas

A decisión da ONCE de premiar a Policía española pola evacuación de Chandebrito (Nigrán) durante a vaga de incendios detonou a dor e o profundo malestar que albergaba María Costas, filla dunha das dúas mulleres mortas durante ese operativo. “Sentímonos insultados”, afirma en referencia ao premio aos axentes.

Angelina Otero, de 78 anos, e Maximina Iglesias, de 86, morreron o pasado 15 de outubro en Chandebrito, Nigrán, durante a vaga de incendios que asolou Galiza e que tivo neste lugar do concello de Nigrán un dos puntos tráxicos. “Eran moi amigas e quedaban festivos e máis días para xogar ás cartas”, explica María Costas, filla de Angelina. María ten moi claro que ambas as dúas, Angelina e Maximina, seguirían vivas de non ser por unha actuación policial que considera que foi de mal en peor. “Estaban nunha casa, no centro de Chandebrito, un sitio sen árbores e cunha piscina con auga”, explica en referencia ao día do incendio. A policía, prosegue, decidiu sacalas de alí para organizar unha caravana de evacuación no que María cualifica de auténtica “tolería”.

“Os policías estaban como tolos”, di que lle comentaron os veciños, “entrando nunhas casas para mandar saír a xente mentres por outras casas con máis risco por estar máis cerca do monte nin entraron”

“Había pouco que pasara o que pasou en Portugal” [os mortos en Pedrograo ao evacuar a aldea por unha vía forestal no medio dun incendio], lembra. “E na propia web da Xunta na que dá consellos de como actuar en caso de incendio forestal dise que nada de evacuar a través de vías no monte e que se opte por ficar na casa”, engade. Mais, prosegue, a Policía optou por evacuar Chandebrito e por facelo a través dunha estrada “estreita, con curvas e rodeada de eucaliptos e piñeiros”.

 

Para María Costas o cúmulo de despropósitos e erros acumáronse un após outro. O primeiro, di, evacuar nunha caravana de vehículos en vez de ficar na aldea. “Non ardeu ningunha casa”, argumenta para indicar a seguridade que representaba. “Os policías estaban como tolos”, di que lle comentaron os veciños, “a berrar a todo o mundo, entrando nalgunhas casas para mandar saír á xente mentres por outras casas con máis risco por estar máis cerca do monte nin entraron”.

Que se a policía non procedese como fixo, se non evacuase a miña nai estaría viva? “Evidentemente, non teño nin a máis mínima dúbida”

A caravana, sempre segundo explica María, saíu de Chandebrito pola vía cara a Coruxo, mais comproban que era imposíbel pasar e deciden entón “ir cara ao sur no día en que padeciamos un furacán do sur, Ophelia”.

 

Maximina e Angelina van na furgoneta que fecha a caravana (“conducida por unha rapaza que non é de Chandebrito e que non coñecen, mais montan porque llo di a Policía”). María asegura que os vehículos da policía abrían a caravana mais non hai ningún que a feche, que vaia detrás de todo, “facendo de coche vasoira”. Por iso, cando as lapas impiden avanzar os vehículos recúan, dan volta e retornan. A furgoneta onde ían as dúas vítimas, non. María Costas ten a certeza de que se houber un vehículo policial fechando a caravana, “podería recollelas”.

 

“Os policías estaban nerviosos antes da evacuación e moito máis nerviosos despois, cando se deron conta que un coche lles ficara atrás con 2 persoas dentro”, asegura. “Non foron quen nin de localizarnos á familia, foron os veciños quen o fixeron e foi un voluntario quen trouxo o meu pai canda nós, que estabamos en Vigo”. De feito, lembra, o seu pai o primeiro que lles dixo foi “foron eles, os policías” os responsábeis do falecemento das dúas veciñas. María recoñece que ela propia naquel momento lle reprochara esa acusación. Mais cambiou de opinión após ir a Chandebrito e falar cos veciños. Entón, preguntámoslle, cre que se a policía non procedese como fixo, se non evacuase a súa nai estaría viva? “Evidentemente, non teño nin a máis mínima dúbida”.

María non desbota ir á xustiza. “Non teño claro o que vou facer. Non tiña pensado ir por esa vía, pero despois de vista a súa actitude, xa veremos”

Porén, e malia esta seguridade, optaran por non denunciar publicamente esta cuestión. Unha decisión que revisaron despois de varios acontecementos que rebordaron a súa paciencia: Un deles, os premios e recoñecementos aos axentes. “É un insulto que os premien, nin desculpas pediron”. Outro acontecemento, a ameaza de sindicatos de policía de levar perante a xustiza o presidente da asociación de veciños e de montes de Chandebrito, Victor Vidal por criticar nunha carta a actuación policial aquel día. “A carta recolle o sentir da maior parte dos veciños”, asegura María.

 

María non desbota ir á xustiza. “Non teño claro o que vou facer. Non tiña pensado ir por esa vía, pero despois de vista a súa actitude, xa veremos”. Insiste: “Non foi só unha evacuación fanada. O que fixeron non ten nome”.