A Policía Nacional toma o exterior do Parlamento por se convoca unha protesta "sorpresa" o sector da mexilla

Presenza policial esta cuarta feira ante o Parlamento galego (foto: Nós Diario).
O pasado día 13 de abril produciuse unha carga policial contra bateeiros que protestaban polo conflito da mexilla tamén na capital galega.

Na tarde desta cuarta feira, ducias de axentes da Policía Nacional agrupábanse arredor do Parlamento galego impedindo o paso dos peóns na beirarrúa máis próxima á Cámara e chamando a atención a calquera persoa que se achegue.

Esta presenza de axentes sorprendeu as persoas transeúntes que, na súa maioría, non esperaban ningún tipo de manifestación ou protesta que xustificase ese tipo de despregue policial.

Segundo puido coñecer Nós Diario, trátase dunha toma da rúa "preventiva", pois temen que se despracen a Compostela bateeiros ou mexilloeiros, sendo que BNG e PSOE debaten na tarde desta cuarta feira, en pleno, iniciativas relativas ao conflito da mexilla.

Carga policial

O pasado día 13 de abril produciuse unha carga policial contra bateeiros que protestaban polo conflito da mexilla tamén na capital galega.

Tal e como informaba Nós Diario naquela altura, “unha das persoas que participaba esta quinta feira nas protestas do sector bateeiro ás portas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, foi detida pola Policía Nacional, o que motivou o desprazamento dos manifestantes até a comisaría”.

Alí, varias decenas de bateeiros situáronse fronte ao dispositivo policial e corean berros de 'liberdade Lorena' e 'conselleira dimisión'.

Os bateeiros aseguraron que houbo varios feridos, e que polo menos un, de Rianxo, acabou no hospital, aínda que até San Caetano acudiron "dúas ambulancias".