Policía impide aos medios gravar a entrega no rexistro da Xunta dun escrito de sindicatos

Os medios non puideron gravar a entrega do escrito no rexistro da Xunta (CIG-Ensino)
Para as organizacións sindicais é “insólita” unha medida que, sinalan, é a “primeira vez” que se toma e que cualifican como "censura". 

Organizacións sindicais do ensino convocaron para esta cuarta feira aos medios de comunicación para estar presentes na entrega no rexistro da Xunta dun escrito no que demandaban unha interlocución directa co presidente da Xunta sobre a recuperación dos horarios lectivos. Nada, a priori, que se diferenciase das numerosas convocatorias aos medios para asistir a entregas de documentos de diferente tipo no rexistro de San Caetano, sede administrativa da Xunta.

CIG-Ensino anunciou que dirixirá unha queixa formal á Xunta "por esta grave decisión de censurar a liberdade de información nun acto sindical cando a todas horas se producen actos e comparecencias do propio goberno e de todo tipo de asociacións e entidades dentro do mesmo recinto"

Porén, nesta ocasión, “e por primeira vez” segundo os sindicatos, a policía non lles deixou facer aos medios o seu traballo. Fontes sindicais explicaron a Nós diario que alegaron para iso que non se podían gravar imaxes dentro da Xunta. "O máximo responsábel de seguridade do edificio administrativo de San Caetano, alegando cumprir orde, prohibiu expresamente aos medios de comunicación que gravasen imaxes do representante dos sindicatos", acrecentan desde CIG-Ensino nun comunicado.

Mesmo, apunta, os e as propias sindicalistas tiveron que ir ao rexistro ‘escoltados’ por un axente da policía autonómica que se aseguraba, indican, de que non ían gravar imaxes cos móbiles. Mesmo, indican desde UXT, o policía amagou con retirarlle o dispositivo móbil, ao que se negaron.

Finalmente, e xa entregado ao escrito, as e os sindicalistas tiveron que realizar as declaración aos medios na rúa, fóra da sede da Xunta.

CIG-Ensino anunciou que dirixirá unha queixa formal á Xunta "por esta grave decisión de censurar a liberdade de información nun acto sindical cando a todas horas se producen actos e comparecencias do propio goberno e de todo tipo de asociacións e entidades dentro do mesmo recinto".