Policía detén 8 persoas en diferentes puntos de Galiza polas mobilizacións do CSOA Escárnio e Maldizer

Imaxe: GZ contrainfo

Hai detidos en Compostela, A Coruña e Ourense. A operación continúa aberta. 

 

Oito persoas foron detidos esta terza feira en Compostela, A Coruña e Ourense no marco dun operativo da Policía española a raíz das mobilizacións en defensa do CSOA Escárnio e Maldizer na capital da Galiza. A operación continúa aberta e non se desbotan novas detencións.

 

A primeira detención, un militante de Briga, tivo lugar a primeira hora da  mañá en Compostela. A partir de aí foron sucedéronse os arrestos. Europa Press aponta que as forzas de seguridade procederon ao longo destes días a analizar diverso material gráfico das mobilizacións que tiveron lugar estes días na defensa do centro social ocupado.

 

O propio delegado do goberno español na Galiza, Santiago Villanueva, recoñecía hai uns días nunha entrevista na Radio Galega, que as forzas de seguridade facían seguimento de persoas polo simple feito de se manifestar. Unhas declaracións que o delegado facía a raíz das 116 identificacións que a Policía española fixera durante a manifestación do sábado 10 de xuño en Compostela contra o desaloxo do CSOA Escárnio e Maldizer.

 

A Dirección Xeral de Policía tramitou a través da Subdelegación do goberno español na Coruña por volta de 400 propostas de sanción administrativa contra persoas que tomaran parte naquela mobilización. Estas 116 persoas identificadas nesa mobilización serán propostas para sanción por dúas faltas graves: desobediencia ou resistencia á autoridade e por "negarse a disolver reunións e manifestacións en lugares de tránsito público cando o ordenen as autoridades". As multas nestes casos oscilan entre os 601 e os 30.000 euros.

 

Aliás, aqueles que foron identificados no interior das instalacións do antigo colexio Peleteiro enfróntanse a unha falta leve "por ocupación do inmóbel", que podería supor unha multa de entre 100 e os 600 euros.

 

Mais este regueiro de propostas de sanción non acaba aquí. A Policía tamén proporá sanción para outras 16 personas "que portaban paus", a dez "que levaban escudos que foron comisados" e a dous "por escalar os muros do colexio Peleteiro".