Polémica pola morte dun paciente en Urxencias do CHUS

Técnicos dos servizos das urxencias sanitarias da Galiza traballan ás portas do Hospital Clínico de Santiago (Arxina).
O sindicato médico O'Mega denuncia a morte dun paciente no corredor de urxencias do Hospital Clínico de Santiago. A sexta desde 2011. A xerencia do centro mantén que o doente faleceu na unidade de críticos.

Aorganización sindical Médicos da Galiza Independentes, O'Mega, denuncia a morte dun paciente octoxenario nun corredor do servizo de urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) a pasada quinta feira.

Segundo relata a Nós Diario a delegada de prevención do sindicato, e médica na unidade de críticos o día dos feitos, o doente entrou por Urxencias a media tarde, onde foi clasificado coa cor amarela, correspondente ao nivel 3, de urxencia, cun tempo de espera estimada dunha hora, segundo o protocolo de emerxencias.

"O paciente faleceu despois dunha hora e cuarto esperando no corredor a que un facultativo o explorase e valorase o seu caso, nunha zona fóra do control directo do persoal, mentres se ocupaba doutras urxencias", explica Fátima Narcellas, quen recalca que o home "chegou morto á unidade de críticos".

"A xerencia do CHUS mantén que o paciente foi ingresado na zona de críticos onde posteriormente se confirmou o seu falecemento".

Desde a xerencia da área sanitaria de Santiago, apuntan que o doente, "de 84 anos e con numerosas comorbilidades", tivo a primeira atención sanitaria "en menos de dez minutos da súa chegada ao servizo de urxencias do Hospital Clínico". Aclaran, ademais, que na primeira valoración sanitaria "os seus parámetros non revelaban gravidade nin indicaban prioridade sanitaria alta", así que á espera de "ser situado nun box para unha segunda exploración, produciuse o deterioro da súa saúde, polo que foi inmediatamente ingresado na zona de críticos onde posteriormente se confirmou o seu falecemento".

Saturación

Desde O'Mega, Fátima Narcellas censura o "mal uso das urxencias". O servizo, di, "está colapsado por pacientes pendentes de ingreso que se acumulan nos corredores, onde sofren unha deterioración da saúde sen chegaren a ser vistos por un médico".

Porén, remarca que os facultativos non teñen a culpa do mal funcionamento do servizo. "O persoal sanitario, especialmente o médico, actúa con dilixencia e o seu procedemento non é puníbel", insiste. E sinala a xerencia, "que nin no pasado nin agora adopta medidas capaces de aliviar o colapso".

O'Mega destaca que, con este, son seis os paciente falecidos desde 2011 nos corredores dos servizos de urxencias do Hospital Clínico de Santiago. "Non é infrecuente o falecemento dun paciente en urxencias, xa que é o lugar ao que se acode en situacións de risco vital. O problema xorde cando esa morte se produce nun contorno que atenta contra a dignidade da persoa e dos seus achegados, aos que se deixa coa dúbida de se se puido ter feito algo máis".

"O'Mega destaca que, con este, son seis os paciente falecidos desde 2011 nos corredores dos servizos de urxencias do Hospital Clínico de Santiago".

Agora, os servizos xurídicos do sindicato médico estudan a documentación do caso para determinar se ten percorrido xudicial.  "Esta denuncia xa vén de vello. Temos levado este asunto ante a Fiscalía en varias ocasións", sinala Narcellas, arquivadas ao entender que o servizo público non ten responsabilidade penal.

Malestar 

Desde o servizo de urxencias do CHUS, o persoal médico responde con malestar á denuncia do sindicato O'Mega porque pon en cuestión o traballo das profesionais sanitarias cando os procedementos e o labor asistencial do persoal é rigoroso e responde ás necesidades e aos niveis de urxencia de cada paciente. "As urxencias viven momentos de colapso. As esperas para unha primeira atención e mesmo para unha segunda exploración son habituais. É un problema inherente ao propio servizo asistencial", explica o persoal facultativo, quen aproveita o momento para censurar o desmantelamento do sistema sanitario galego, que sobrecarga as urxencias, e reclamar unha reformulación integral que garanta unha cobertura sanitaria digna e de calidade.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.