Polémica coa campaña da Xunta para o 25-N: "Non debería pasar, pero pasa"

Campaña da Xunta polo 25-N.
As redes estoupan: "A culpa é delas por ir provocando, claro que si. Cantos centímetros de pel propoñedes que leven á vista logo?".

A Xunta da Galiza vén de lanzar a súa campaña de cara ao 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, baixo o lema 'Non debería pasar, pero pasa'. Os diferentes cartaces que conforman esta estratexia comunicativa, porén, está a desatar fortes críticas nas redes sociais.

"Viste coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa". Así reza un dos elementos promocionais desta campaña, que levou centos de persoas usuarias de Twitter a replicar que "está a culpar as mulleres".

As reaccións foron múltiples e non se fixeron esperar: "Ola, que é o que pasa cando saímos a correr en mallas pola noite? Que perdemos as chaves? Que collemos frío e enfermamos? Vaia campaña de igualdade onde se cambias o 016 polo teléfono de obxectos perdidos enténdese mellor e é máis útil", lamentou unha usuaria.

"Borrade isto, por favor. Non entendo a quen se lle ocorre, quen o aproba, quen o paga... Agás que esteades de acordo con todo o que este anuncio implica", retrucou outra. "Esta mensaxe é vergoñenta", dixo máis unha usuaria.

"A culpa é delas por ir provocando, claro que si. Cantos centímetros de pel propoñedes que leven á vista logo?", apuntou tamén un usuario. "Quen vos asesora en Igualdade? Torrente?", cuestionou outro.

Un segundo cartaz, seguindo a estela do anterior, expón: "Unha discoteca. Unha copa desatendida. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa". A polémica está servida e centos de persoas reclaman unha rectificación e a retirada da campaña.