Análise

Pola saúde e a vida das mulleres e das nenas

Arredor de 80% dos antidepresivos, ansiolíticos e somníferos que se prescriben van dirixidos ás mulleres. (Ilustración: Álex Rozados)
A doutora en Medicina e feminista Lola Ferreiro Díaz prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

O día 28 de maio de 1987 celebrouse a asemblea da Rede Mundial de Mulleres polos Dereitos Sexuais e Reprodutivos, na que se abordaron temas relativos á morbilidade e mortalidade durante o embarazo, parto e puerperio. Desde aquela, cada 28 de maio é o Día Internacional de Acción para a Saúde das Mulleres. O motivo é claro: a nosa saúde segue a estar (moi) maltratada. Habería moito que falar sobre isto, pero o espazo impón os seus límites, así que nos centraremos en dous aspectos, desde o meu punto de vista fundamentais.

Por un lado, o maltrato a nivel asistencial (nas consultas). Carme Valls e Noemia Loio sinalan que as queixas das mulleres son consideradas psicosomáticas nun 25% dos casos, antes de facer calquera exploración, mentres que cando un home acode á consulta con síntomas semellantes, estes adoitan de ser considerados máis "serios". Pero o problema non reside nesta consideración, senón en que se establece antes de explorar; asemade, a referencia á psicosomática é expresada habitualmente con certo desprezo, igual porque en realidade son consideradas "histéricas", aínda que non se utilice o termo. Deste xeito, a cuarta parte das veces hai un risco importante de sermos mal diagnosticadas que mesmo pode ter consecuencias fatais. Conforme indica Guadalupe Sabio, o 50% das mortes de mulleres por doenzas cardiovasculares é evitábel, facendo fincapé en que, por exemplo, certos cadros cardíacos son "confundidos" con ansiedade.

A fibromialxia, diagnosticada a mulleres en máis do 90% dos casos, é tratada cunha media de sete psicofármacos diarios

Cando as consecuencias non son fatais, implican uns malestares que comprometen seriamente o benestar e o desenvolvemento da actividade común. Por exemplo, a fibromialxia, segundo Carme Valls "diagnosticada" a mulleres en máis do 90% dos casos, que son tratadas cunha media de sete psicofármacos diarios, co que están adormecidas e a dor non desaparece. Ou a falta de atención á Sensibilidade Química Múltiple (que tamén afecta maiormente a mulleres), desde o descoñecemento do proceso en moitos servizos asistenciais, ata a falta de medidas paliativas e, desde logo, preventivas.

Non ter en conta as situacións de violencia machista nas que poden estar as mulleres (moitas veces case imperceptíbeis pero igualmente prexudiciais) que, segundo a propia OMS, explican moitas patoloxías físicas e emocionais e ata o 25% dos intentos de suicidio. Non explorando a dita situación non se vincula o problema coa causa que o provoca, trátase con psicofármacos e, desde logo, non se resolve.

Maltrato á saúde das mulleres

Todo isto (e máis) explica que o 80% dos antidepresivos, ansiolíticos e somníferos que se prescriben sexan para as mulleres, cando os problemas de saúde mental que requiren destes fármacos non chegan a ser o dobre que os dos homes.

Poderiamos citar moitos máis xeitos de maltrato á saúde das mulleres na consulta. Desde un diagnóstico de depresión que en realidade é un hipotiroidismo ou un cadro de ansiedade cando o que hai é un déficit de ferro, e unha longa listaxe de "confusións", desde problemas que producen síntomas semellantes ata a violencia obstétrica en todas as súas expresións.

 Somos máis pobres, con empregos máis precarios e maior risco de perdelos, cos traballos máis repetitivos

O segundo aspecto que debemos ter en conta ten que ver coa construción da saúde. Por unha banda, porque os factores estruturais que inflúen (en negativo) na dita construción nos afectan máis; somos máis pobres, con empregos máis precarios e maior risco de perdelos, cos traballos máis repetitivos, as posturas para desenvolvelos menos ergonómicas. Temos menos oportunidades de acceso ao público, ao social, á cultura, etc.
Por outra parte, no antedito proceso de construción inflúen unha serie de factores simbólicos que nos lastran. Así, a educación en clave patriarcal (familiar, escolar, social, etc.) promove que as nenas e as mulleres teñamos dous trazos característicos inseridos fóra do noso alcance consciente.

Por un lado, debemos ser abnegadas, e así renunciar á satisfacción das necesidades propias para procurar a dos demais. Por outro lado, non podemos ser agresivas, o cal é imposíbel, porque a agresividade é un instinto; só podemos reprimir a agresividade, que queda contida volvéndose contra nós. En suma, sendo abnegadas non nos coidamos e sendo autoagresivas facémonos dano por acción. Pero aínda hai máis; non sermos abnegadas e/ou sermos agresivas cara a fóra provoca culpa, o que nos leva a ser cada máis abnegadas e máis autoagresivas como única medida de protección fronte ao sufrimento que nos causa a dita culpa.

Pola súa vez, a pandemia agravou moito máis os problemas de saúde da cidadanía, especialmente os das mulleres, pero isto dará para outra análise, por motivos de espazo.

En resumo, a saúde constrúese (e destrúese) atendendo a dous modelos. Considerala desde un só implica facelo en masculino e así deixar excluída dunha intervención de calidade a algo máis da metade da poboación: as mulleres.