'Pola sanidade que queremos e merecemos!': 50 colectivos chaman a mobilizarse en defensa da sanidade pública

Integrantes da Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña, esta quinta feira, na presentación da manifestación. (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña)
A manifestación terá lugar en Compostela o 4 de febreiro

Arredor de medio cento de organizacións convocaron unha manifestación que percorrerá as rúas de Compostela o próximo 4 de febreiro para protestar contra o "desmantelamento" da sanidade pública, que atribúen ao Goberno de Alfonso Rueda. 

A marcha, que coincidirá coa campaña electoral dos comicios galegos do 18 de febreiro xa iniciada, está promovida polo colectivo SOS Sanidade Pública, do que forman parte plataformas sanitarias, organizacións sindicais, partidos políticos e outras entidades da sociedade galega. 

A proposta foi presentada esta quinta feira nunha rolda de prensa que decorreu en Burela (A Mariña), na que representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña fixeron un chamamento a participar nunha manifestación que queren converter en "masiva" para loitar pola "recuperación" do sistema público de saúde.

Xustifican a convocatoria en que a sanidade galega, din, foi "obxecto durante moitos anos" de "recortes serios" que causaron "un deterioro progresivo" dos servizos e que derivaron no seu "desmantelamento" por "insuficiencia" de profesionais e recursos materiais. 

Advirten dos "colapsos" dos servizos de Urxencias ou Atención Primaria no Servizo Galego de Saúde (Sergas), ao que acusan de "manipular" as listas de espera de maneira "escandalosa" coa "ocultación de máis da metade dos pacientes que agardan unha consulta, proba ou intervención". 

A plataforma propón trece medidas para reverter esta situación, a primeira delas o incremento do orzamento sanitario. Ademais, reclaman un aumento "urxente" de persoal, así como a introdución nos equipos de novas categorías como psicoloxía clínica, logopedia ou optometría.

Abrir os centros de saúde fechados e crear novos onde "sexa necesario", reintegrar o servizo de ambulancias ou os "privatizados" na rede pública, pór en marcha un plan de racionalización de listas de agarda, garantir a atención á dependencia ou elaborar un plan de saúde mental son outras das reclamacións. 

Tamén poñen sobre a mesa a necesidade de implantar medidas para rematar coa "inestabilidade e precariedade" das traballadoras e dos traballadores.

Protestas tamén na Fonsagrada

Na mesma liña, a Plataforma Sanitaria da Mariña convoca para este domingo, 21 de xaneiro, no concello de Lourenzá, unha concentración para reclamar o retorno da asistencia pediátrica ao centro de saúde da localidade mariñá.