Pokemon Go faise con todos

[Imaxe Inverse]

O xogo de Nintendo para smartphones xa supera en utentes a Instagram e Whatsapp nos EUA. Conta con máis de 10 millóns de descargas en PlayStore en todo o mundo e centos de xogadores na Galiza. 

En apenas unha semana o número de persoas que se descargou a aplicación co xogo Pokemon Go conseguiu aproximadamente o mesmo número de utentes que a rede social Twitter. Nos EUA xa supera a Instagram e Whatsapp en descargas. Antes mesmo de que fose posíbel descargala de maneira oficial, na rede xa se partillaban ligazóns. Nostalxia para quen pertence á denominada xeración Pokemon mais sobre todo o valor engadido de se tratar dun xogo de realidade aumentada sitúanse como os alicerces do seu éxito. 

Realidade aumentada

E é que, na práctica, Pokemon Go introduce unicamente esa mudanza a respeito das versións orixinais para Game Boy, a posibilidade de nos inserirmos no propio xogo ou trasladarnos nós ao mundo virtual creado por Nintendo. Para iso só é necesario permitir á App conectarse ao GPS do noso smartphone, desa maneira traslada o mapa Pokemon á nosa vila ou cidade. Mesmo as ruínas de Palestina após os bombardeos irsaelís son coto de caza de Pokemons.

Algo simple que, aliás, non é a primeira ocasión na que se fai, con anterioridade fora lanzado Ingress, porén, en poucos días Pokemon Go tornouse nun auténtico fenómeno de masas. Tanto é así que as imaxes de ducias de persoas correndo en Central Park para capturar un Vaporeon, un Pokemon difícil de conseguir, deron a volta ao mundo case coa mesma velocidade que as descargas do xogo. De facto, pouco despois de comezar a distribuirse xa superaba ao porno en número de procuras en Google. 

De facto, as principais cidades do mundo tornáronse en espazos de caza, adestramento e mesmo de pausa para recargar as ferramentas da propia aplicación nas denominadas Pokeparadas onde se atopa a comunidade que está a se xerar arredor do xogo. En conversa con Sermos Galiza un dos editores de Mallando no Android e colaborador deste medio, Iago Varela, explícanos que através de Google+ --a rede social de Google-- están a partillar "experiencias, mapas, trucos..." o que "deriva en quedadas físicas". E aí, na mestura entre o real e o virtual reside o éxito de Pokemon Go. 

Na mestura entre o real e o virtual reside o éxito de Pokemon Go

O propio Varela xunto con Alberte Fernández e Matinho Rodríguez, tamén xogadores, sinalan en conversa con este medio o feito de ter que saír á rúa e camiñar como un dos puntos fortes da App, para alén do entretemento que xera, din. 

Recomendacións fronte á loucura

O suceso da aplicación e as anécdotas que foi deixando nos últimos días levaron mesmo a Policía española a emitir unha serie de recomendacións para as persoas usuarias, nomeadamente non fixar só a atención na pantalla do telefone ou non invadir propiedades privadas, lugares perigosos ou mesmo cuarteis da Garda Civil, como en Madrid. 

A loucura desatada está a ser moi rendíbel para Nintendo que viu multiplicarse o valor das súas accións (+120%) nos últimos días mais tamén está a pór a proba a empresa. En apenas unha semana os servidores de Pokemon Go caeron en dúas ocasións pola cantidade de persoas a xogar simultaneamente. De facto, xa foron deseñados accesorios complementarios como a Pokemon Go Plus, unha pulseira que conecta por Bluetooth co smartphone que vibra cada vez que temos un pokemon perto ou nos achegamos a unha pokeparada sen necesidade de sacar o móbil. O seu prezo rolda os 40 euros. 

Mais o enganche de Pokemon Go non fica na caza de animais fantásticos e virtuais, tamén está a se tornar nunha fórmula para coñecer (ou dar a coñecer) a cidade e mesmo persoas. As Pokeparadas, os encontros entre adestradores de Pokemon para partillar experiencias, as visitas a ximnasios e templos nun mundo virtual que inunda a realidade tamén abre a posibilidade de partillar, con quen está enfronte, unha conversa. Mais para iso, polo de agora, aínda é preciso erguer a ollada do telefone.