Caderno de Verán

Poio ofrece un estío intenso

A organización está a respectar as distancias de seguridade (Foto: Concello de Poio)
A vila organiza tres meses de eventos variados pensados para todos os públicos. As festas están pensadas, sobre todo, para a veciñanza e chegan a cada recuncho.

Após meses de obrigado descanso cultural, o Concello de Poio tomou a decisión de non permitir que a súa veciñanza –nin as e os turistas– teñan tempo de aburrirse no verán. A concellaría de Festexos, en colaboración coa de Cultura, artellou unha programación digna de deixar baldada a persoa máis festeira de toda a Galiza.

O reto era ben difícil pola fama de gusto polas verbenas que hai no país, mais o ciclo "Reinicia o verán Poio" reconectou coa cidadanía enseguida, dando lugar a un divertimento continuado para persoas de todas as idades.

O calendario é todo o completo que se pode desexar tendo en conta que, co apoio da Deputación, o municipio sacou adiante tres meses de actividades festivas e culturais. As accións que decorreron en xuño xa lograron un grande éxito, pero a localidade quere reiniciar a normalidade botando o resto este mes de agosto. 

Entre a inxente oferta que circula nos dípticos repartidos polo municipio aparecen festivais infantís, concertos, espectáculos adaptados a toda a familia, ruadas e mesmo proxeccións de filmes ao aire libre.

Todo pensado para gozar do verán e do bo tempo deixando a casa un pouco de lado. Os escenarios tamén son variados porque nunca é mal momento para aproveitar o paseo e coñecer ese detalle daquela fachada no que non repararas. As e os turistas espremerano aínda máis que o resto. Porén, esta aposta polo entretemento e por manter unhas festas de estío o máis normais posíbeis non vai en detrimento da seguridade. 

Todas as accións están a cumprir coa normativa sanitaria vixente. Cuestión que se alcanza con menos actos masivos e con máis oferta prolongada até finais do mes de setembro.