O Touporroutou de Foz

As coplas como desafogo entroideiro

O cartaz deste ano para o Touporroutou de Foz.

Entre as múltiples vías que o pobo galego desenvolveu para desafogar tensións sociais durante o entroido, o xogo coa poesía é un dos máis abondosos. En Foz, no corazón da Mariña, hai 25 anos que practican o Touporroutou. O anonimato e a copla sarcástica sobre os sucedidos do ano serven aos focegos e focegas para, tamén, conmemorar que vai rematando o inverno.

Este domingo 11 de febreiro, a partir das nove da noite no colexio Martínez Otero, a asociación cultural A Pomba do Arco celebra as vodas de prata da súa popular iniciativa. Nese serán leranse as composicións que, sen asinar, a veciñanza foi deositando nas caixas instaladas a tal efecto en diferentes estabelecementos hostaleiros da vila. “O termómetro do éxito e da saúde do Touporroutou”, explican desde A Pomba do Arco, “son a cantiade de coplas que fornecen os veciños. Queremos animalos a que elaboren as súas propostas”.

 

Segundo o presidente da asociación promotora, Xoán Ramón Fernández Pacios, o Touporroutou quere ser “un espazo para o humor máis acedo pero tamén máis intelixente, con lugar para a crítica e a participación social”. No domingo de entroido, o formato da gala carnavalesca contará coas pandeireteiras da Subela, a banda focega Os Kentakis e con Tono como condutor.

 

Ate agora, o Touporroutou, cuxa primeira edición foi en 1990, amosaba as coplas veciñais na Casa da Cultura. Antes fixérao noutros lugares de Foz. Mais foron quedando pequenos, e de aí o seu traslado ao colexio Martínez Otero.