“Este poema escribímolo porque só se saca a bandeira española cando se quere oprimir”

Protesta do alumnado a favor da liberdade de expresión

As autoras do poema censurado no IES Punta Candieira de Cedeira explican os motivos que lles levaron a escribir o texto que motivou unha denuncia anónima e a retirada da exposición.

Este poema escribímolo as miñas compañeiras mais eu criticando España pola súa situación actual, porque só se saca a bandeira cando se quere oprimir, porque non queremos a crise ni queremos que sigan recortando sanidade e educación, porque non queremos perder os nosos dereitos”. Esta é a explicación que dá unha das autoras do poema que motivou a orde de retirar a exposición de poesía do IES Punta Candieira de Cedeira. Figura no Facebook da Biblioteca Escolar do Punta Candieira.

 

“Está argumentado, é sinxelo e directo, e para ela supón un intento de facer comprender o que quixeron expresar. Pero, ata o de agora, ninguén, dos tantos aplaudidores da censura que polas redes e nos currunchos do IES abondan, se molestou en falar con elas para preguntarlles cal era o seu sentir. É máis doado censurar sen coñecemento e argumentos, non vaia ser que anden equivocados!!”, indícase no FB.


A censura da mostra motivou a resposta do alumnado, que se mobilizou na defensa da liberdade de expresión. A retirada da exposición motivou, así mesmo, unha ampla vaga de solidariedade e de apoio desde persoas e colectivos do mundo educativo, social, cultural... para cos responsábeis da mesma. A Consellaría de Educación nega que dese instrución ningunha para que retirar a mostra do recinto educativo: “Unicamente se puxo en coñecemento da Inspección educativa a existencia dun texto que fomenta o sentimento de odio, algo que non pode ter cabida nun centro educativo”.