Podo reinfectarme de Covid-19 após contaxiarme con Ómicron?

A terceira dose da vacina outorga unha inmunidade de até 85% (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Persoas expertas sinalan que a reinfección, moito máis probábel após contraer Ómicron fronte a outras variantes, podería darse seis meses após o primeiro contaxio.

A variante Ómicron da Covid-19 podería significar a fin da pandemia en Europa, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). "É posíbel que a rexión estea a achegarse á fin", asegurou recentemente o director xeral da OMS para o continente, Hans Kluge.

"Cando a vaga de Ómicron diminúa, haberá unha inmunidade xeral durante algunhas semanas e meses, quer pola vacina quer porque as persoas serán inmunes debido á infección, e tamén unha redución debido á estacionalidade do virus", defendeu.

Porén, o certo é que no momento actual os contaxios seguen nas maiores cifras desde marzo de 2020 por mor da alta transmisibilidade desta variante —se ben os seus síntomas reverten menor gravidade para as persoas vacinadas—, e neste contexto xorde a pregunta: Podo volver contaxiarme da Covid-19?

Segundo un informe do Imperial College de Londres do pasado mes de decembro, o risco de reinfectarse con Ómicron é 5,4 veces maior que con Delta. "Se recibes dúas doses da vacina, pasados tres meses a túa protección contra a infección ou a hospitalización mingua arredor de 30% ou 40%", apunta, por outra parte, o doutor Gregory Poland, director do Grupo de Investigación de Vacinas da Clínica Mayo (EUA). Coa dose de reforzo, explica, a inmunidade pode alcanzar entre 75% e 85%.

Outro estudo elaborado por persoas expertas das facultades de Medicina de La Jolla e Mount Sinai (EUA) apuntan un período mínimo de protección contra o coronavirus de arredor de oito ou nove meses.

En declaracións recentes á canle pública británica BBC, Salvador Peiró, investigador en farmacoepidemioloxía da fundación española Fisabio, apuntou que, "en teoría", a reinfección é posíbel, malia que resulta "extremadamente rara" nos meses seguintes á superación da Covid-19, máxime no caso de ter recibido a terceira dose da vacina.

Malia que aínda se descoñece canto tempo e capacidade ten a variante Ómicron para producir reinfeccións, as persoas expertas sinalan un período mínimo de cinco ou seis meses.